Mos arranca LA VUELTA 2020 coa súa mascarilla oficial

O deseño gañador foi do alumno Ezequiel Ramos Prino

Mos | Ezequiel Ramos Prino, alumno do 2º curso de Bacharelato de Artes do IES de Mos, foi o gañador do concurso convocado polo Concello de Mos para seleccionar a mascarilla oficial da etapa da Volta Ciclista a España, que sairá do Pazo de Mos o próximo 5 de novembro.

O deseño gañador, que foi seleccionado pola alcaldesa Nidia Arévalo e a concelleira de Educación Julia Loureiro entre 16 participantes, inspírase na simboloxía do escudo de Mos, sendo esta a rosa e o xadrezado en cores vermello e amarelo, así como referencias ao ciclismo. O persoal docente do IES de Mos tamén participou neste concurso.

O Concello agasallará ao Instituto con material de papelería para deseño gráfico así como con mascarillas serigrafiadas en tela, financiadas pola Volta Ciclista. As mascarillas tamén serán entregadas como agasallo institucional o día da saída da Volta en Mos.