Mos aproba por unanimidade unha moción de apoio aos traballadores de Pili Carrera

Acordou solicitar á Xunta de Galicia a búsqueda activa dun inversor

Mos | O equipo de goberno local encabezado pola alcaldesa, Nidia Arévalo, presentou no Pleno do Concello de Mos celebrado semipresencialmente onte pola mañá a iniciativa de aprobar unha moción conxunta de todos os grupos, de apoio aos traballadores/as de Pili Carrera, na que se insta á Xunta de Galicia, ao IGAPE e ao Administrador Concursal a realizar o máximo esforzo para buscar un inversor e así salvar o centro de traballo.

Moción que foi aprobada por unanimidade por todos os membros da Corporación Municipal, e coa presenza na sesión plenaria, e o beneplácito, da presidenta do Comité de Empresa de Pili Carrera, Lucía Giráldez Pérez, (que tamén tivo a palabra para facer a súa propia intervención, na que expresou a preocupación do colectivo e solicitou a axuda da administración local) en representación de todos os traballadores.

Nidia Arévalo informa así mesmo, de que “Lucía Giráldez, presidenta do Comité de Empresa, precisamente se puxo en contacto co Concello esta mesma mañá para comunicarnos que o vindeiro venres, 26 de febreiro, os membros do Comité terán unha reunión co Administrador Concursal e, ao remate da mesma, informarannos sobre como foi todo”.

O acordo da moción conxunta aprobada por unanimidade versa literalmente que se acorda: “solicitar á Xunta de Galicia a través da Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e do Instituto Galego de Promoción Económica, IGAPE, e ao Asministrador Concursal á búsqueda activa e incesante dun inversor para poñer o centro de traballo, sito en Outeiro-Torroso, Mos, en marcha canto antes”.

A prioridade do Concello de Mos e do equipo de goberno local é velar polos intereses dos/as traballadores/as de Pili Carrera e a defensa do emprego por riba de todo, de ahí a iniciativa de presentar esta moción conxunta que non é o primeiro paso que se dá en aras de apoialos neste difícil proceso.

Neste senso a rexedora local mosense explicou como se desenvolveron os acontecementos desde que foi pública a intención de peche da fábrica. “Os traballadores de Pili Carrera, ante o anuncio de peche da factoría, decidiron emprender un camiño hacia a recuperación do centro de traballo e chamaron á miña porta que, por suposto, sempre estará aberta para eles. Desde o primeiro día ata hoxe e para sempre. Tras a primeira reunión hai 15 días con Lucía Giráldez, a presidenta do Comité de Empresa e os sindicatos, a comunicación foi diaria coa Xunta de Galicia, o IGAPE, o Administrador Concursal e o Comité de Empresa. Dediqueime a facer xestión escoitando a todas as partes implicadas, e non a facerme fotos na porta da fábrica, porque iso sería xustamente o menos coherente e o que menos fai falla”, declarou.

Arévalo non quixo deixar de lembrar todo o que a empresa Pili Carrera fixo nos seus 58 anos de historia por Mos e polas familias moseses. E que foi emblema de Mos e do textil galego a nivel internacional: unha marca mosense que chegou a 16 países de todo o mundo. “Por elo este desenlace vívese con enorme tristura neste Concello”, lamentou.