Mos apostará polas novas tecnoloxías para potenciar o “teletraballo” no 2021

Xuntanza coa Mesa Sindical con atención á COVID 19

Mos | Este 30 de outubro  celebrouse por videoconferencia unha Mesa Sindical na que participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Persoal e Réxime Interno, Julia Loureiro, o Secretario e a Técnico Responsable de Persoal municipais e representantes dos sindicatos CSIF, CC.OO. e CIG.

Durante a devandita Mesa tratáronse varios temas de gran importancia. Entre eles a creación dunha Mesa dos delegados de prevención dos sindicatos xunto coa edil de Persoal Julia Loureiro e a técnico municipal de Persoal, Recursos Humanos e Prevención de Riscos Laborais, Tatiana Iglesias, que se reunirá unha vez ao mes para facer unha posta en común na que por parte do Concello se informará aos representantes sindicais das medidas e protocolos municipais anti COVID-19 que se van poñendo en marcha, así como a motivación das mesmas, os seus obxectivos e resultados obtidos; mentres que por parte dos delegados de prevención dos sindicatos poderanse aportar ideas, comunicar incidencias e poñer á administración local ao día en medidas sindicais propias adoitadas neste senso.

Outro tema capital abordado onte foi a RPT (Relación de Postos de Traballo) e a súa dotación orzamentaria de cara ao novo orzamento municipal anual de 2021 que se atopa en proceso de redacción por parte do equipo de goberno local xunto co departamento de Intervención.

Desta banda a alcaldesa comunicoulles aos sindicatos a posibilidade de que fagan as súas aportacións a este respecto e informou de que os colectivos prioritarios e con maior apoio dada a actual crise sanitaria da COVID-19 serán a Policía Local, o persoal de Limpeza, e os/as traballadores/as dos Servizos Sociais.

Tamén se acordou revisar a oferta de emprego público para o vindeiro ano 2021, o Convenio Colectivo e o Acordo Regulador para actualizalos, xa que datan de 10 anos atrás. E abordouse a posibilidade de organizar un procedemento de consolidación.

Por último tratouse tamén sobre o Plan de Igualdade Municipal e deuse conta de que a partida do orzamento 2021 do Concello de Mos para novas tecnoloxías incrementarase para poder mellorar o teletraballo optimizando os recursos a tal fin e así darlle solucións máis eficaces, efectivas, sinxelas e cómodas aos/ás traballadores ás nestes tempos de fomento do teletraballo motivado pola crise sanitaria, como parte do protocolo municipal de prevención e loita contra a COVID-19.

Ao remate da Mesa convocouse unha nova sesión da mesma para o vindeiro 11 de novembro, data na que o orzamento municipal para 2021 xa estará rematado polo que se poderán acotar medidas máis concretas e tomar decisións a maiores con todos os datos, cifras e números necesarios sobre a mesa.