Mos acolleu o 1º Campus de Patinaxe Artística

Organizado polo Club de Patinaxe Rosaleira
O Pavillón Óscar Pereiro acolleu o I Campus de Patinaxe Artística “Concello de Mos” organizado polo mosense Club de Patinaxe Rosaleira.

Mos | Esta pasada fin de semana, o sábado 15 e onte domingo, 16 de xaneiro, en horario de 09.00 horas da mañá a 21.00 horas da tarde, o Pavillón Óscar Pereiro acolleu o I Campus de Patinaxe Artística “Concello de Mos” organizado polo mosense Club de Patinaxe Rosaleira. O curso de técnica libre foi impartido polo adestrador internacional Pierluca Tocco.

A presidenta, Andrea Conde Rodríguez, e a adestradora do Club Rosaleira, Beatriz Fernández Bahamonde, informaron hoxe de que participaron no curso un total de 60 patinadores e patinadoras de diferentes niveis e clubes, desde o nivel 4 ata Amateur, Rexional e Nacional. Por clubes participaron 18 patinadores do mosense Rosaleira, 11 do Berenguela de Santiago, 15 do Ánfora do Morrazo, 7 do Luar de Ponteareas e 9 do Vagalume de Vigo.

Andrea Conde declarábase esta mañá “moi satisfeita cos resultados do taller de tecnificación que impartimos cun adestrador de primeira, o italiano Pierluca Tocco”.
Tocco é un patinador profesional cunha ampla traxectoria deportiva. Foi Sub Campión do Mundo de Patinaxe Artística nos anos 2007 e 2009 e Campión de Europa en 2007. Actualmente ten o título de adestrador internacional.

O devandito título permitiulle a Pierluca impartir esta fin de semana en Mos un curso de tecnificación cen por cen ocupacional que incluiu desde danza ata pista, flexibilidade, expresión corporal, etc. Un curso polo que os participantes recibiron a súa correspondente certificación oficial.

A disciplina docente deste patinador baséase, segundo informan desde a directiva de Rosaleira, en entender a patinaxe desde outro punto de vista. Un punto de vista divertido pero obtendo resultados de máxima efectividade, deixando a un lado o estrés e a presión.

Club Rosaleira e Concello de Mos xa están a estudar a posibilidade de organizar un novo campus, máis longo e ambicioso, durante o vindeiro verán.

Un campus de maiores dimensións para o que se contaría novamente coa presenza de Pierluca Tocco e con outros adestradores doutros niveis pero coa súa mesma forma de entender a patinaxe artística.

O curso impartido a pasada fin de semana foi posible grazas ao empeño e dedicación do Club Rosaleira, que vendeu rifas de Nadal para sufragar ao 100% o pago do adestrador e cobrar únicamente aos participantes na súa inscrición o importe correspondente á manutención dos dous días de taller.