Mos “Acende o Xacobeo” para dar a benvida ao 2022

Na fachada do Pazo dos Marqueses de Mos
O acto reuníu á alcaldesa Nidia Arévalo, o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a Delegada da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

Mos | Este 23 de decembro tivo lugar o acto do programa Acende o Xacobeo en Mos consistente no acendido da proxección na fachada do Pazo de Mos.

O comezo do acto estivo amenizado polo Grupo de Gaitas Xógara e contou coa asistencia de Alfonso Rueda, vicepresidente primeiro e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; a Delegada Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, concelleiros/as do equipo de Goberno local, voceiros/as dos grupos municipais e membros da Fundación Pazo de Mos.

O acendido estivo precedido dunha conta atrás, tras a que se iluminou a proxección sobre a fachada do Pazo consistente nunha luz de cor azul co logotipo do Xacobeo 21.22 e a característica frecha amarela. Rematando o encontro coa interpretación de dúas panxoliñas a cargo da Coral Polifónica O Son do Cantares.

Arévalo, Rueda e Fernández-Tapias ensinan o alumeado.

O programa Acende o Xacobeo ilumina máis de 90 monumentos en toda España e máis de 40 en Galicia, entre os que se atopa o Pazo dos Marqueses de Mos. O Pazo, en pleno Camiño Portugués a Compostela, estará iluminado desde hoxe ata o vindeiro 7 de xaneiro de 2022.

Unha iniciativa de grande éxito que inclúe a iluminación de edificios en diferentes Comunidades Autónomas e cidades europeas como Londres, Dublín ou Torun en Polonia.

Co acendido en Mos, este singular programa dá a benvida ao novo ano 2022, xa que durante os días previos ao vindeiro 31 de decembro estanse a iluminar diferentes monumentos das distintas rutas dos Camiños de Santiago en Galicia.