Monterrei ratifica a súa colaboración con Expourense

Estará presente en tódalas feiras e eventos celebrados no recinto ao longo do ano

Ourense | O consello regulador da denominación de orixe Monterrei ratificou, por oitavo ano consecutivo, a súa condición de colaborador fixo de Expourense, o que lle permite estar presente en todas as accións promocionais, feiras e eventos organizados polo recinto para este ano 2023.

A firma deste convenio correu a cargo do presidente do consello regulador, Jonatás Gago García, e o director xerente da Fundación Expourense, Rogelio Martínez. A denominación Monterrei é entidade colaboradora da Fundación desde o ano 2015. Isto implica a participación de Monterrei nas distintas accións promocionais que Expourense realiza ao longo do ano, sobre todo en Portugal, a favor dos distintos convenios de cooperación transfronteiriza que a Fundación mantén con distintas entidades da Eurorrexión.

Esta colaboración especial para o 2023 inclúe ademais a participación directa como expositor en Ourense Vinis Terrae, (X Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade), que terá lugar os días 5 e 6 de xuño. Contarán cunha caseta desde o que promocionar os viños da denominación ante compradores e importadores dunha vintena de países que terán ademáis a oportunidade de coñecer unha das adegas desta denominación. Ademáis, prestará apoio ás adegas de Monterrei que participan con caseta propia na feira.

Monterrei estará presente ademáis en Xantar, (24º Salón Internacional de Turismo Gastronómico), que terá lugar entre o 2 e o 5 de novembro. Este consello regulador participará no Túnel do Viño, unha área na que se presenta aos visitantes a calidade e as variedades autóctonas galegas. Ademais, os viños de Monterrei maridarán os pratos elaborados con produtos de calidade de Galicia, dentro dos showcookings de Xantar, e organizarán unha cata comentada.

Coa firma do convenio, ambos os organismos tamén poderán desenvolver misións comerciais que teñan como obxectivo a promoción dos viños e a enogastronomía en xeral, tanto en territorio nacional como no estranxeiro.

Rogelio Martínez mostrou a súa satisfacción pola ratificación do convenio que demostra como as entidades da provincia de Ourense confían no recinto feiral para dar a coñecer os seus produtos e servizos neste espazo de cooperación público-privada e de oportunidades de internacionalización para as empresas.

Pola súa banda, Jonatás Gago afirmou que “Expourense trátase dun excelente escaparate para reforzar a imaxe de marca Monterrei, debido ao gran número de eventos que se celebran no recinto feiral, ademais de dar a coñecer o produto que se elabora na denominación, tanto no ámbito nacional como o internacional.

Sen esquecer, a oportunidade de estar presentes naqueles actos que a Fundación realiza fóra de Ourense e que gardan relación co noso sector, por exemplo o enoturismo”. Na foto, Rogelio Martínez e Jonatás Gago García.