Monforte licita o proxecto construtivo do futuro Parque do Barrio do Hospital

O Concello dispón dun orzamento máximo de licitación de 555.934,16 €

Monforte de Lemos | O Concello de Monforte de Lemos publica o anuncio de licitación para a construción do novo Parque do Barrio do Hospital, polo que o prazo para a presentación de ofertas estará aberto ata o 28 de febreiro de 2020.

Para esta actuación, o Concello dispón dun orzamento máximo de licitación de 555.934,16 euros e o prazo de execución da obra será de catro meses, dende a sinatura da correspondente acta de replanteo. O prazo para a presentación de ofertas rematará o vindeiro 28 de febreiro de 2021. A mesa de contratación para a apertura das ofertas que se presenten está previsto que se celebre o vindeiro luns 8 de marzo.

Este proxecto conta cunha axuda de 150.000 euros aportados pola Deputación de Lugo, sendo o resto do orzamento total aportado polo Concello monfortino (405.934,16 €).
José Tomé Roca, rexedor municipal, destaca que “tras o inicio deste proceso de licitación, seguimos avanzando na consecución deste importante proxecto construtivo, un logro de enorme relevancia, que fará que a cidade de Monforte teña un novo parque público no Barrio do Hospital, e que suporá a posta en valor desta parte da cidade”.

“Dotamos así a esta zona da cidade, que agora está chea de maleza, dunha nova infraestrutura pública que contará con varias zonas de céspede, un área de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, elementos biosaudables de ximnasia para maiores e unha zona de estacionamento de aproximadamente 60 prazas, para vehículos motos, bicicletas así como prazas para minusválidos, que contribuirá a paliar o déficit de estacionamento que ten o Hospital Comarcal tanto para os veciños que van a consulta como os que van de visita” salientou o alcalde.