Monforte e Ribeira Sacra promocionanse en Expocidades

A feira celebrase en Ferrol ata o día 15

Monforte de Lemos | O Concello de Monforte é unha das cidades galegas que estes días amosará o seu potencial turístico na quinta edición da Mostra de Turismo das cidades do Eixo Atlántico, Expocidades, que se celebra na localidade coruñesa de Ferrol dende hoxe e ata o vindeiro 15 de maio.

A primeira tenente de alcalde, Gloria Prada, acudiu en representación da administración municipal e, asistiu ó acto inaugural e a diversos actos promocionais con medios de comunicación.

Esta quinta edición de Expocidades foi organizada baixo o lema “Dous países, un destino”, e nela o Concello de Monforte conta cun stand propio dende o que promocionará o potencial turístico, artístico e gastronómico da cidade e da Ribeira Sacra.

Para elo, dende o stand de Monforte ofrecerase ó visitante material de promoción oficial do Concello, como é a Guía Turística oficial do Concello, a Guía do Peregrino, e o plano oficial da cidade.

“A cidade do Cabe amosará as posibilidades turísticas, unha oferta centrada no turismo de proximidade dada a relativa distancia que existe entre as cidades galegas e as portuguesas e a variedade de ofertas turísticas para o visitante”, destacou Gloria Prada.

Expocidades, escaparate do potencial turístico das cidades que integran o Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular, chega este ano á súa quinta edición en Ferrol, despois de pasar por Lugo, Pontevedra, Viana do Castelo e Vila Real. A exposición terá lugar en pleno centro da cidade, na Praza de Armas. Paralelamente ó desenvolvemento da feira haberá outras actividades como degustacións de produtos típicos das cidades (doces, pan, viños, conservas) e actuacións musicais, entre outras. A entrada é gratuíta.

Neste senso, tras o acto inaugural, tivo lugar unha degustación de produtos típicos da Eurorrexión, na que destacou a empanada de iscos e viño Mencía Ribeira Sacra de Monforte de Lemos, ademais do polbo do Carballiño,a empanada e pan de Carballo, o Viño de Misa e Viño Verde da Adega Cooperativa de Braga, doces tradicionais de Braga e roscas de Carballo.

O obxetivo de Expocidades é promover as cidades do Eixo Atlántico no seu medio de mercado inmediato, así como tamén aproveitar para favorecer a relación directa entre produtores turísticos (turismo rural, programas de turismo de natureza, programas de turismo de aventura, etc.) e comercializadores (axencias de viaxes e operadores turísticos).

Outros artigos