Monforte celebrará as festas patronais do 11 ao 16 de agosto

Actuacións masivas e gratuítas na explanada da Compañía

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, deu a coñecer hoxe en rolda de prensa o programa de concertos musicais das festas patronais, que se van celebrar do 11 ao 16 de agosto de 2024. “Esta programación responde ó formato de festas que vimos facendo dende que chegamos ao goberno municipal, centradas en ofrecer ós monfortinos e ás persoas que nos visiten unha ampla variedade musical e artística, para dar satisfacción a públicos moi diferentes tanto en idades como en gustos musicais, e que, as festas de Monforte téñense convertido nun referente en Galicia, e por iso queremos seguir por este camiño de éxito para as nosas festas”.

Programa musical
O alcalde explicou que haberá seis concertos principais, todos eles acompañados de orquestras que farán un previo e un posterior peche das actuacións tratando de que o horario musical con carácter xeral, se inicie ás 10:30-11:00 da noite e o remate entorno ás 4 da madrugada.

O programa completo de actuacións musicais é o seguinte:
Domingo día 11, despois do pregón actuará na Praza de España a cantante monfortina Rosa Cedrón e Nómada Trío, que acompañarán a artista monfortina, para abrir boca cun concerto de moita calidade.

Luns día 12 de agosto: Orquestra Panorama iniciará a súa actuación ás 12 da noite ata as 2:00 para volver nun segundo pase ás 3:30 ata as 4:30 da madrugada. Grupo América de Vigo compartirá a velada musical deste día iniciando ás 22:30 a súa actuación e rematará o primeiro pase ás 12 da noite, volvendo a actuar tras o primeiro pase da Orquestra Panorama, de 2:00 a 3:30 horas. Neste caso, o alcalde recordou “que este grupo musical deixou xa en Monforte unha excelente impresión, e non me cabe dúbida, que con estas actuacións a explanada quedarase pequena como ven ocorrendo nos últimos anos”.

Martes día 13. O concerto central deste día correrá a cargo da artista albaceteña Rozalén, que é unha das principais voces da nova canción de autor a nivel nacional e internacional. O seu concerto comezará ás 12 da noite e rematará á 1:30 da madrugada. Complementando o concerto principal actuará a Orquestra Costa Dorada, en dous pases, un entre as 23:00 e as 12:00 da noite, e o segundo de 1:30 a 3:30 da madrugada.

Mércores día 14: O concerto principal será o do artista vitoriano Álex Ubago, que leva máis de 20 anos na industria musical e é un superventas dende o seu comezo. A súa actuación dará comezo ás 12 da noite e rematará á 1:30 da madrugada. Acompañando esa noite a Álex Ubago, estarán dous grupos monfortinos, Cool Flanders e Amalenne, que xa teñen demostrado a súa calidade musical e que están medrando cada ano.

Día grande
O xoves día 15, día grande, actuarán como concerto principal Álvaro de Luna, un artista sevillano que segue consolidándose no panorama musical español con as súas exitosas xiras e cancións que logran colocarse entre as favoritas do público. Actuará entre as 12:30 despois dos fogos artificiais no Castelo de San Vicente, as 2 da madrugada. A orquestra Acordes, acompañando o concerto principal do día da Patroa a Virxe de Monserrat, actuará en 2 pases, comezando o primeiro entre as 23:00 e as 12 da noite, e o segundo ás 2 da madrugada.

Venres día 16: La La Love You. O derradeiro día das festas actuará unha un dos grandes fenómenos musicais dos últimos anos no noso país, que en outubro de 2020, lograron alzarse co Premio MTV EMA á mellor artista español. Este grupo, formado en Parla (Madrid), será o protagonista do concerto principal dese día actuando despois dos Fogos do Río, empezando ás 12:30 da noite e finalizando ás 2 da madrugada. Orquestra Panamá. Para complementar o concerto de La La Love You, actuará esta orquestra en dous pases, dende as 23:00 ata as 12 da noite e dende as 2:00 ás 4:00 da madrugada.

O alcalde concluíu destacando que “consideramos que é unha programación moi axeitada con concertos de primeiro nivel para seguir mantendo as Festas Patronais de Monforte como un dos referentes de Galicia esperando que sexan moitos os galegos e galegas que nos visiten atraídos pola calidade dos concertos de Monforte”.

O investimento na contratación dos artistas e grupos musicais deste ano 2024, en números redondos, alcanza os 360.000€.