Monforte celebrará Artelemos na primeira semana de agosto

Instalaranse 24 casetas para a exposición e venda de artesanía

Monforte de Lemos | O Concello de Monforte abriu hoxe martes 21 de xuño o prazo de inscrición para participar na 22ª edición da Mostra Artelemos, prazo que permanecerá aberto ata o día 5 de xullo para que os artesáns e artesás poidan cursar as súas solicitudes.

Este ano 2022 o Concello recupera a celebración desta mostra de artesanía, logo de dous anos de ausencia por mor da pandemia, e celebrarase durante cinco días, na primeira semana de agosto, concretamente do 5 ó 9, na rúa Cardenal, como ben sendo habitual.

“Nesta mostra”, salienta o alcalde, José Tomé Roca, “poderemos atopar gran variedade de disciplinas artesanais, e para que poidan expoñer os seus produtos, colocaremos 25 casetas, unha para obradoiros e información, e as 24 restantes serán para postos de exposición e venda dos artesáns e artesás participantes”.

Como en pasadas edicións de Artelemos, dende a mostra ofreceranse produtos artesanais variados de diferentes disciplinas artísticas, dende orfebrería, cestería, coiro, lá , olería de Gundivós, cerámica, etc.

Do mesmo xeito, o público que asista a esta mostra, poderá ver en vivo a elaboración de pezas que os propios artesáns realizarán, e organizaranse diversos obradoiros destinados a nenos e nenas.

O horario durante os cinco días da Mostra Artelemos será de 10:00 a 14:00 e 18:00 a 22:00 horas.

“Dende o Concello, queremos apostar polo aproveitamento dos recursos do noso territorio, neste caso os nosos artesáns, que coa súa labor do feito a man, enriquecen e dan un valor moi fermoso e engadido a nosa cultura e tradición dentro da promoción turística de Monforte e da Ribeira Sacra”, subliña José Tomé.

Neste senso, engadiu o alcalde “o feito a man é un valor á alza, a tradición está de moda, e por elo os artesáns e as artesás son un valioso activo desta industria rural, que temos que recuperar e axudar a manter”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Outros artigos