Monforte case duplica o investimento no alumeado de Nadal 2021

Será encendido o 3 de decembro ata o 9 de xaneiro
Rolda de prensa do alcalde José Tomé Roca (centro) sobre as luces do Nadal.

Monforte de Lemos | José Tomé Roca, alcalde de Monforte, deu a coñecer en rolda de prensa o dispositivo de alumeado de Nadal que o Concello está xa a instalar nas rúas do municipio e para o que destina unha inversión de 50.000 euros, cifra que case duplica ós 28.000 € investidos en 2020.

“Isto suporá a maior inversión en alumeado de Nadal na historia de Monforte, cun incremento en relación co ano anterior, de 22.000 euros, o que representa un 78,5% de aumento”, subliñou o rexedor monfortino. “O impulso ó alumeado de Nadal, é un dos primeiros pasos para volver a esa nova normalidade que todos desexamos, aínda que sexa coa debida prudencia”.

O alcalde destacou que “nun ano tan difícil para todos como foi o 2021, especialmente nos primeiros 6 meses, para os sectores importantes da nosa economía como son o comercio e a hostalería, decidimos darlle un impulso moi importante ó alumeado de Nadal, para animar ós monfortinos e ás persoas que nos visitan, a que saían á rúa, que disfruten da cidade e que se animen a mercar no noso comercio e a consumir na nosa hostalería”.

“Superaranse as 50.000 luces, pasando de 32.000 a máis de 50.000, é dicir, case 20.000 máis que en 2020″

“En total” indicou Tomé Roca, “superaranse as 50.000 luces, pasando de 32.000 a máis de 50.000, é dicir, case 20.000 máis que en 2020, para dinamizar o Nadal da nova normalidade”.

“Todo este dispositivo do alumeado de Nadal, está sendo instalado por unha empresa monfortina, para contribuír a manter ou crear emprego e que os beneficios industriais queden en Monforte” destacou o Alcalde.

O alumeado será encendido o venres día 3 de decembro ás 6.30 da tarde, e apagarase o domingo día 9 de xaneiro, permanecendo en servizo 38 días.

A inversión destinada polo alcalde para a iluminación de Nadal, que alcanza os 50.000 euros, é o maior investimento da historia de Monforte.

Deste xeito, para 2021 o equipo de goberno aumenta significativamente o número de arcos colocados, que serán 70 arcos máis de novo deseño, pasando de 162 en 2020 a 232 neste ano 2022. “En total” dixo Tomé Roca, “superaranse as 50.000 luces neste Nadal, co obxectivo de impulsar as compras e o consumo no comercio e na hostalería de Monforte”.

Neste ano 2021, mantense o mesmo número de rúas con arcos de Nadal, “porque consideramos que damos cobertura a toda a cidade, para que todos os veciños e veciñas de Monforte, sintan de cerca o espírito de Nadal, por ser posiblemente as festas máis familiares do ano”, indicou José Tomé.

Nos tres últimos anos, como elemento singular, instalábase na Praza de España unha estrela ou un paquete de regalo, “pero este ano queremos simbolizar unha nova esperanza”.

Así, o Concello colocará como novidade unha árbore de Nadal, na Praza de España, a modo de cono de gran tamaño, “para que a xente poida facerse fotos no seu interior e para inxectar ilusión e alegría nas persoas que viven ou que visitan Monforte”.

Os arcos de Nadal serán de Led, de baixo consumo e maior visibilidade, dando resposta a un alumeado máis intenso que coas luces convencionais.

Ademais das 64 rúas iluminadas con arcos, tamén estarán adornadas a Torre da Homenaxe, a Praza de España, o Campo de San Antonio, a Praza de Carude, a Praza dos Chaos, a Praza da Estación, e 7 arcos de “Bo Nadal” que se ubicarán nas entradas á cidade de Monforte.

Tamén será adornado coa Estrela de Nadal o cedro que se atopa entre a Praza das Casitas e a explanada da Compañía, “como unha guía que nos conduza cara a un ano mellor para todos”.

Para complementar o alumeado de Nadal, tamén funcionarán as fontes da cidade todos os días como si fose en horario de verán, de xeito particular, as fontes que teñen iluminación, como a da Estación, a das Casitas ou a do Parque da Compañía.

“O desexo do Concello” concluíu o alcalde, “é que este amplo dispositivo de Nadal, sirva para animar á xente a saír á rúa, a mercar no comercio local, que anime e que alegre a vida dos nosos veciños e veciñas, e que en definitiva sexa o principio dun ano e dunha vida normal”.