Mondariz teme verse afectado polo plan de humanización de Mondariz Balneario

Na vía de acceso principal pola estrada provincial EP 4401

Mondariz | O Concello de Mondariz enviou esta semana unha solicitude de información ao veciño Concello de Mondariz Balneario para avaliar a afectación que pode ter o proxecto de recuperación do espazo público na contorna dos hoteis de Mondariz Balneario na vía de acceso principal á parroquia de Vilar pola estrada provincial EP 4401.

“Para Mondariz é sumamente importante coñecer as solucións de acceso á EP 4401, xa que por esta estrada provincial accédese directamente á parroquia de Vilar e parte da parroquia de Riofrío, onde se atopan servizos municipais como a Escola de Música, a piscina e o punto verde municipal”, comenta Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

O Concello de Mondariz solicita información sobre as solucións de mobilidade e tamén reclama que se lle faga partícipe deste proxecto, para garantir o acceso á EP 4401 de vehículos relacionados cos servizos públicos, bombeiros, ambulancias e mesmo autobuses.

“O proxecto de recuperación do espazo público na contorna dos hoteis de Mondariz Balneario desenvólvese ao abeiro do Plan Ágora da Deputación de Pontevedra. En Mondariz tamén estamos promovendo proxectos semellantes e compartimos a filosofía de humanizar o espazo público, pero é necesario compartir información e dialogar para evitar efectos colaterais indesexables”, sinala Barros.