Mondariz remodelará integramente o depósito do muíño de Luís

Para o abastecemento de auga no centro urbano da vila
O custo da intervención municipal superou os 90.000 euros, que se financiaron a través da Xunta da Galicia (50.000 euros) e da Deputación de Pontevedra (41.000 euros).

Mondariz | O Goberno municipal de Mondariz está dedicando recursos á mellora das infraestruturas públicas relacionadas cos servizos básicos da localidade, que sufren un significativo deterioro debido á falta de atención e investimento durante anos.

A rede municipal de abastecemento de auga, unha prioridade na planificación anual de investimentos.

O depósito do muíño de Luís, unha infraestrutura fundamental para o abastecemento de auga no centro urbano de Mondariz, comezou 2022 cun funcionamento optimizado grazas ás obras de remodelación integral que se realizaron nas últimas semanas de 2021.

“Este depósito, ao igual que outros tantos da rede municipal de abastecemento de auga, sufría incidencias a miúdo porque durante anos non se priorizaron os servizos básicos. Desde 2019, con este Goberno municipal, si hai unha preocupación por mellorar as infraestruturas”, afirma Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

A rehabilitación integral do depósito do muíño de Luís incluíu traballos de impermeabilización interior para evitar filtracións de auga, así como unha adecuación dos tubos á normativa. O custo da intervención municipal superou os 90.000 euros, que se financiaron a través da Xunta da Galicia (50.000 euros) e da Deputación de Pontevedra (41.000 euros).

Plan de mellora da rede municipal de abastecemento de auga
A actuación no depósito do muíño de Luís forma parte dun plan do Goberno de Mondariz para mellorar as infraestruturas da rede municipal de abastecemento de auga. En 2020, a través do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, xa se fixeran obras no depósito de Santa Baia, na parroquia de Lougares, e no tubo que abastece de auga á parroquia de Vilar.

“En 2019, ao comezo da lexislatura, fixemos un traballo de investigación e análise para coñecer a situación dos servizos municipais máis básicos que obviamente incluíu a rede municipal de abastecemento de auga: depósitos, canalizacións,… Descubrimos que o estado era moi deficiente e que había incidencias continuamente, cos gastos que supoñen; así que decidimos actuar con alomenos unha obra de mellora cada ano”, explica o concelleiro Leopoldo Tato, responsable das áreas de Mobilidade, Urbanismo, Vivenda, Medio Ambiente e Deporte.

Ademais de actuar directamente sobre as infraestruturas da rede municipal de abastecemento de auga, o Concello de Mondariz tamén ten aproveitado obras sobre o pavimento a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para mellorar as canalizacións, mesmo asumindo os custos desas intervencións adicionais. Un exemplo recente é a mellora da pavimentación e da canalización de auga nos barrios do Ceo e do Sesteiro. A estas obras de mellora súmase o proceso de regularización de 21 captacións de auga e depósitos da rede municipal de abastecemento de auga iniciado a mediados de 2020, tras detectar graves irregularidades administrativas.

“Esa situación que nos atopamos hai case dous anos amosa claramente o abandono dos servizos públicos máis básicos durante as pasadas lexislaturas, nas que ninguén se preocupou de supervisar o estado legal e mesmo material das infraestruturas”, sinala o alcalde de Mondariz. “Seguimos traballando a prol dos servizos básicos, polo que incluiremos outras infraestruturas da rede municipal de abastecemento de auga na axenda de investimentos para 2022”, engade.