Mondariz recrimina o traslado dun médico e a ausencia de servizo de pediatría

Un dos tres médicos trasladouse temporalmente a Salvaterra, cancelando as citas previas

Mondariz | A concelleira de Servicios Sociais e Sanidade no Concello de Mondariz, Mª José Álvarez Rodríguez, ven de rexistrar unha queixa formal na Xerencia de Atención Primaria de Vigo, polo traslado temporal dun médico do centro de Saúde de Mondariz a Salvaterra. Na xornada do martes 18 de xullo, un dos tres médicos que prestan os seus servizos no centro de saúde de Mondariz foi desprazado ó centro de saúde de Salvaterra para cubrir ausencias de persoal de dito centro.

Os pacientes citados miraron canceladas as súas citas, sen saber para cando poderán ser recitados. As urxencias e trámites burocráticos que non poden ser aprazados, como partes de baixa, controis de Sintrom, foron atendidos polo persoal do Centro, incrementando a xa considerable sobrecarga asistencial habitual, en un centro con poboación moi envellecida e maior con moita patoloxía e con asistencias diarias en domicilios. A día de hoxe seguimos sen resposta e sen solución.

Tamén engade que dende este luns 24 de xullo ata o día 14 de agosto, o centro de saúde de Mondariz carece de servizo do pediatría, e se xorde algunha urxencia, hai que desprazarse ata o centro de saúde de Salvaterra que está a 30 minutos do centro de saúde de Mondariz, quedando sen poder axendar as revisións pediátricas do Programa do Neno San e as consultas.

Por iso dende o concello de Mondariz solicitamos unha substitución na súa totalidade do persoal para poder prestar con garantías e eficiencia unha atención primaria adecuada á poboación de referencia, posto que toda esta desorganización e falta de previsión, tradúcese en non poder concertar citas, en consecuencia, danar á atención adecuada ó paciente e usuarios.