Mondariz lembrará a figura de Castelao no aniversario do seu nacemento

O vindeiro 29 de xaneiro no Auditorio Municipal
Castelao será homenaxeado no Concello de Mondariz o vindeiro 29 de xaneiro, coincidindo co seu nacemento.

Mondariz | Na xornada de memoria histórica programada para o 29 de xaneiro proxectarase o documental “Castelao e os irmáns da liberdade”, do cineasta Xan Leira, e presentarase a tradución ao galego do libro “Castelao e os vascos”, en presencia de Leira e do tradutor Xurxo Martiz

O Concello de Mondariz xa está preparando actividades socioculturais para os primeiros meses do ano, coa cultura galega e a memoria histórica como eixes principais. Ás celebracións dos significativos días de Rosalía de Castro (24 de febreiro) e das Letras Galegas (17 de maio) súmase este ano o día de Castelao.

“Sobre Castelao hai moita obra escrita, pero é importante reivindicar a súa figura e dar a coñecer o seu legado artístico e intelectual, principalmente á mocidade”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

Así pois, para o 29 de xaneiro está programada unha xornada de memoria histórica arredor da figura e da obra de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950) no auditorio municipal de Mondariz, na que participarán o cineasta Xan Leira e o do escritor Xurxo Martiz, ambos emigrantes galegos retornados con obras relacionadas con Castelao e o exilio galego.

Xan Leira presentará o seu documental “Castelao e os irmáns da liberdade”, gravado entre 1999 e 2001 con testemuñas de numerosas persoas que coñeceron a Castelao e revelan como era percibido polos seus coetáneos. Xurxo Martiz, pola súa banda, presentará a tradución ao galego do libro “Castelao e os vascos”, de Iñaki Anasagasti. “Ter un coloquio cos autores enriquece enormemente esta actividade, como xa temos visto en anteriores ocasións, coas visitas de cineastas galegos/as como Óliver Laxe, Benedicta Sánchez, Amador Arias, Manuel de Lira, Federico Pérez, Paula Cons, Victoria Teijeiro,…”, sinala Anxos Carballo, concelleira de Cultura e Igualdade de Mondariz. “Máis que cantidade, buscamos un selo de calidade en todas as actividades socioculturais que programamos”.

Máis actividades literarias programadas
Para o mes de xaneiro tamén están previstas outras actividades relacionadas cos libros e a memoria histórica. O político Roberto Mera presentará o 22 de xaneiro en Mondariz a súa obra “Alejandro Viana”, publicada en setembro de 2021. Trátase dunha homenaxe ao seu tío bisavó Alejandro Viana, que fora deputado en Ponteareas durante a II República e, a raíz da guerra civil, axudou a milleiros de persoas en risco de represión e exiliadas en Francia a fuxir das forzas franquistas e nazis e atopar refuxio en América. A presentación do libro, porén, permitirá reflexionar sobre o exilio galego en América.

En colaboración coa asociación ecocultural Búrbida, o 15 de xaneiro tamén se organizará na biblioteca municipal unha charla da profesora universitaria Patricia Carballal sobre Emilia Pardo Bazán e Mondariz.

Para o último fin de semana de xaneiro, así mesmo, está anunciado o primeiro faladoiro literario mensual do club de lectura de Mondariz, creado por iniciativa dun grupo de veciños e veciñas da localidade e apoiado polo Concello de Mondariz a través da biblioteca municipal. A autora escollida para a lectura inaugural é Almudena Grandes, en homenaxe á súa longa e comprometida traxectoria nas letras.