Mondariz legalizará o colector xeral de augas residuais

Un requerimento da Confederación Hidrográfica Miño-Sil

Mondariz | O Concello de Mondariz continúa traballando para solucionar os problemas de conexión da rede municipal de saneamento coa Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) construída en Mondariz-Balneario.

Ao tempo que insiste no cumprimento do convenio de colaboración que asinaron os dous concellos en 2005 para o sostemento conxunto da gardería infantil, o punto limpo e a depuración de augas residuais, está en proceso de legalización do colector xeral de augas residuais construído en 2015 na marxe esquerda do río Tea.

“Estamos diante dun problema que leva máis de 15 anos enquistado e condiciona gravemente o desenvolvemento da rede municipal de saneamento do Concello de Mondariz e a calidade medioambiental do río Tea”, sinala Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz.

“Durante os tres anos de mandato investigamos a fondo o problema e insistimos na necesidade de darlle solución definitiva. Un dos obstáculos que nos atopamos foi a situación administrativa do colector xeral de augas residuais que queremos conectar á EDAR de Mondariz-Balneario. Esta infraestrutura, construída en 2015, non estaba legalizada e a CHMS exixía este trámite para avaliar a autorización de conexión á estación depuradora”.

En outubro de 2021, o Concello de Mondariz solicitou formalmente a legalización das obras do colector xeral de Mondariz para incorporar á EDAR de Mondariz-Balneario e Mondariz as augas residuais procedentes da EDAR compacta situada na praia do Val. O proceso está en marcha, mais a CHMS exixe nos seus escritos a tramitación conxunta da legalización do colector xeral e a autorización de vertedura de augas residuais.

Unhas obras amparadas no convenio de colaboración
O alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, lembra que “no convenio de 2005, no apartado III da exposición de motivos, di textualmente que estaba prevista unha rede de colectores que aumente considerablemente o número de veciños e veciñas de Mondariz que poidan verter as augas residuais na nova depuradora”, construída en 2006 por Augas de Galicia con fondos europeos para satisfacer as necesidades dunha poboación de 6.000 habitantes, aínda que nunca deu servizo a máis de 2.500 habitantes –tan só 500 do Concello de Mondariz– por superar o límite de verteduras autorizado.

En 2015, cunha subvención da Deputación de Pontevedra, Mondariz construíu un colector xeral de augas residuais para dar servizo a 2.000 habitantes, mais esta infraestrutura mantívose en desuso pola negativa de Mondariz-Balneario a autorizar a súa conexión á EDAR.

“Durante estes últimos anos solicitamos a convocatoria dunha reunión de seguimento do convenio de colaboración en varias ocasións. Non se pode tolerar que os acordos establecidos neses convenio de 2005 sexan modificados de xeito unilateral e sistemático por parte de Mondariz-Balneario, cando é precisamente Mondariz o concello que está a sustentar economicamente boa parte dos custes do servizo de depuración de augas”, indica Barros.

Opacidade informativa sobre os custes da depuración
En relación á EDAR, á falta de diálogo entre os dous concellos súmase a opacidade informativa sobre o seu funcionamento. O Concello de Mondariz acumula varios requerimentos de información ao Concello de Mondariz-Balneario para solicitar datos sobre os incrementos de volúmenes atribuídos a Mondariz nos anos 2019 e 2020, xa que foron manifestamente superiores aos comunicados nos anos previos. Tamén demandou certificacións da calibración do caudalímetro empregado para a lectura do caudal vertido e outros datos que poidan xustificar a aportación económica que se lle exixe ao Concello de Mondariz e que está por enriba dos compromisos do citado convenio.

“Como se explica que en 2018 se pagaran uns 14.000 € e en 2020 uns 60.000 €? Nos últimos anos, vénselle atribuíndo a Mondariz un incremento de volume de caudal inxustificado”, laméntase Barros. “Solicitamos formalmente unha aclaración ao respecto pero non tivemos resposta de Mondariz-Balneario”, comenta. Diante desta situación, o Concello de Mondariz resístese a pagar a cegas por un servizo do que descoñece os custes. “No orzamento municipal de 2021 había unha partida para esta finalidade, pero non se executou o pagamento pola falta de aclaración. Hai vontade de pagar, pero non estamos dispostos a pagar a cegas, sen unha xustificación do que se está pagando. Se todo está en orde, por que non se aclaran os importes? Non é razoable”, sinala o alcalde de Mondariz.