Mondariz felicita a Maite Isla como nova presidenta de CEAS-Sáhara

Foi nomeada en Madrid tras 35 anos de traballo na SOGAPS

Mondariz | O grupo de goberno do Concello de Mondariz a través do seu alcalde, Calis Montes Bugarín, felicita á mondarizá Maite Isla polo seu recente nomeamento como presidenta da Coordinadora Estatal de Asociaciones Solidarias con el Sahara (CEAS-Sahara).

Nun acto celebrado en Madrid, Maite Isla asumíu a presidencia logo do seu intenso labor como presidenta de Solidaridade Galega co Pobo Saharaui (Sogaps). 35 anos de traballo asumindo distintos postos de responsabilidade avalan o seu compromiso co pobo saharaui.

A asistencia a unha charla sobre Palestina e o Sahara foi a súa primeira toma de contacto coa realidade deste pobo pero o detonante do seu vínculo definitivo xurdíu no ano 92 cando se converte en familia acolledora por vez primeira.

Agora asume un novo reto no que defenderá dende a presidencia que asume a defensa do dereito de autodeterminación e o seu exercizo un referéndum libre e democrático no materializando así as resolucións da ONU e os principio da legalidade internacional.

Entre os obxectivos do seu mandato está reiterar o recoñecemento do Frente Polisario como único representante do pobo saharauí, actuar para esixir un cambio de posición política do goberno de España que actualmente favorece a autonomía marroquí e establecer lliñas de traballo político renovando e creando novas ferramentas institucionais implicando aos intergrupos parlamentarios.

Ademais, na súa lista de intencións está a de apoiar as campañas pola liberación de todos os presos políticos saharauís e a esixencia do cumprimento de protección dos Dereitos Humanos en territorios ocupados.; tamén a denuncia da violación dos dereitos humanos e o expolio das riquezas naturais no Sáhara Occidental.

“Apoiar proxectos de cooperación humanitaria nos campamentos de refuxiados e a mobilización social denunciando estes 48 anos de ocupación así como respaldar á delegación nacional do Frente Polisario no programa Vacacións en Paz en coordinación coas asociacións e federacións e fomentar unha unidade e un frente común en apoio ao pobo saharauí”, sinala Maite Isla, que medrou na casa familiar xunto a ponte de Cernadela. Por último, Isla agradece a confianza que o goberno saharauí deposita na súa persoa.

O alcalde e a tenente de alcalde, Elena Naveira, recibírona na Casa do Concello para trasladarlle os seus parabéns no nome do equipo de goberno. “Todo o noso cariño para unha veciña que sempre amosou o seu compromiso e solidariedade coas persoas máis desfavorecidas, traballadora incansable que nunca deixou de sentirse de Mondariz”.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.