
Pontevedra | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, asina co alcalde de Mondariz Balneario, César Gil, o convenio para a recuperación do espazo público na contorna dos hoteis. Enmarcado na segunda convocatoria do Plan Provincia Extraordinaria – Plan Extra, o programa que reparte 35 millóns de euros entre 57 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia que resultaron beneficiarios nesta segunda entrega do Plan Extra. No Pazo provincial, López e Gómez selaron un acordo a través do cal o organismo provincial achega 579.000 para financiar o 100% do orzamento, dos que 492.000 sufráganse con cargo ao Plan Extra e os 87.000€ restantes corresponden ao Plan +Provincia. Unha nova mostra da importancia da conxugación dos distintos plans de cooperación para executar proxectos estratéxicos nos concellos con recursos provinciais.
O proxecto ten como obxecto a recuperación do espazo público da contorna dos hoteis. Realizarase unha humanización completa no tramo do Avenida de Enrique Peinador Vela comprendido entre os entronques coa estrada PO-254 e coa Rúa Javier Solano, que corresponde á rúa situada entre o Hotel Balneario e o Antigo Hotel Sanatorio. A superficie da área de intervención é de 3.000 metros cadrados. O ámbito de actuación conta cunha serie de edificios catalogados como o Hotel Balneario, o Antigo Hotel Sanatorio ou o Palacio da Auga. Unha zona na que o tráfico peonil terá prioridade e contará con plataforma única.
A Avenida de Enrique Peinador Vela será de prioridade peonil cun tráfico moi reducido. Estará pavimentada en terra compactada e os elementos de pavimento pétreo terán trazado circular, no centro dos cales se inclúen fontes e luminarias. A Rúa Javier Solano terá plataforma única con un sentido único de circulación este-oeste e estará orientada arredor dunha gran árbore central con bancos e un pequeno graderío no borde con pequenas zonas verdes para permitir o acceso á lámina de auga. E na Praza Circular (Rúa Ramón Peinador – PO-254) formúlase unha gran plataforma circular que só permite o tráfico polo trazado da PO-254 e un tránsito perimetral moi restrinxido para servizo do hotel.
A colaboración da Deputación co Concello de Mondariz Balneario non se limita unicamente ao Plan Extra. O Concello ten recibido de mans do organismo provincial nestes tres anos de mandato un total de 2,3M€ a través dos distintos plans de cooperación aprobados, o que demostra o compromiso da Deputación cos concellos da provincia para mellorar a calidade de vida da veciñanza.




