Mondariz acolleu unha charla de Xosé Fortes Bouzán, coronel da democracia

Este venres 21 na Biblioteca Municipal

Mondariz | O coronel de infantería retirado Xosé Fortes Bouzán (Cotobade, 1934) impartirá unha conferencia na Biblioteca Municipal de Mondariz o venres, 21 de xuño ás 21 h sobre o papel da Unión Militar Democrática (UMD) durante a transición democrática en España, cando ostentaba o rango de capitán.

Fortes cursou estudos militares nas Academias de Zaragoza e Toledo, e licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago, ademais é autor de varias publicacións. O acto está organizado de forma conxunta pola asociación Búrbida, a Cátedra José Saramago da Universidade de Vigo e o Concello de Mondariz.

Este é unha das actividades enmarcadas na programación de conmemoración décimo quinto da revolución dos caraveis de Portugal do 25 de abril de 1974 contra a ditadura do Estado Nuevo, no poder desde 1925.

Xosé Fortes Bouzán
No ano 2010, este coronel de Infantería retirado foi condecorado polo goberno de España xunto con outros 13 membros da UMD. A finada ministra de defensa Carme Chacón foi a encargada de entregarlles a Cruz do Mérito Militar polo seu papel “como pieza importante en el sutil y complejo mecanismo de construcción de la democracia”.

Da súa faceta como intelectual e político, compre salientar os seus numerosos artigos publicados en prensa e no programa de radio Historia Viva, a dirección da revista infantil Vagalume (na que tamén colaboraron o arquitecto César Portela e o poeta ponteareán Alfonso Pexegueiro) e o seu paso polo Concello de Pontevedra como concelleiro electo na primeira corporación democrática.

Fortes Bouzán tamén foi subdirector para Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Entre as súas obras de carácter histórico destacan os seguintes títulos: “Historia de la ciudad de Pontevedra” (1993); “Galicia y el mar” (1995); “Pontevedra en el espejo del tiempo” (1995); “O Instituto de Pontevedra: século e medio de historia” (1997); “La Ría de Pontevedra” (1998); “Caroianos, unha viaxe pola nosa historia rural” (2008); “Pontevedra: Burgo, Villa Capital” (2011). No ano 2015 publicou o libro “Terra de Cotobade”, do que foi investigador principal, xunto cos colaboradores Germán Fortes e Serafín Fontenla. No ano 2019 publicou o seu último libro, “A rienda suelta”, un relato autobiobráfico da súa vida que arrinca no seu lugar de nacemento: a parroquia de Caroi (Cotobade).

O seu currículo militar inclúe varias publicación:

– “¿Qué son las Fuerzas Armadas?” (1977), libro de divulgación escrito xunto a Restituto Valero no que dá conta de como se organizan en democracia os tres corpos que conforman o exército español (Terra, Mar e Aire).

– “Proceso a nueve militares demócratas: Las Fuerzas Armadas y la UMD” (1984); xunto a Luís Otero, onde destaca a súa oposición á ditadura franquista xunto a outros capitáns do exército, o que lle custaría un consello de guerra, unha condena de catro anos de prisión e a expulsión das forzas armadas.

– “Cuando las derrotas otorgan la victoria: Batallas perdidas de un capitán de la UMD” (2011). Neste libro relata, entre outras cousas, como foi detido e procesado en 1975 por pertencer á UMD, motivo polo que cumpriu un ano de prisión, aínda que finalmente foi amnistiado polo Goberno de España en 1986.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.