Mondariz abriu o período de inscrición para as actividades de Mondaverán Xove

Ata o 20 de xullo, para mozos e mozas entre 13 e 18 anos

Mondariz | Até o 20 de xullo está aberto o período de inscrición na segunda das catro actividades de aventura organizadas pola Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Mondariz para mozos e mozas de 13 a 18 anos. Trátase dunha experiencia de rafting en Arbo para un grupo reducido, polo que a inscrición previa é indispensable.

Esta actividade forma parte do programa Mondaverán Xove, que durante os meses de xullo, agosto e setembro introducirá aos mozos e ás mozas participantes a experiencias de turismo activo en diversas localizacións naturais da comarca de Condado-Paradanta, como barranquismo (8 de xullo), rafting (22 de xullo), piragüismo (12 e 19 de agosto) e hidrospeed (2 de setembro).

As saídas están programadas ás 10:00 horas desde a Casa do Concello. Tanto a actividade como o desprazamento están subvencionados, aínda que as persoas participantes deben levar a súa propia comida.

Para solicitar inscrición na actividade de rafting do día 22 de xullo, as persoas interesadas deben contactar coa OMIX de Mondariz a través de teléfono (986 664 306 / 680 964 461) ou correo electrónico (omix@mondariz.gal) antes do 20 de xullo.

O proceso de inscrición previa será pechado cando se completen as prazas dispoñibles e unha listaxe de agarda.

Datas do MONDAVERÁN XOVE

8 de xullo: BARRANQUISMO en Luneda (A Cañiza)

22 de xullo: RAFTING en Arbo

12 e 19 de agosto: PIRAGÜISMO nos ríos Tea e Miño

2 de setembro: HIDROSPEED en Arbo

A estas actividades de verán súmanse outras de piragüismo e hípica para mozos e mozas de 7-14 e 4-17 anos, respectivamente, que tiveron unha enorme demanda e xa están en marcha; así como un programa de achegamento ao patrimonio natural denominado MONDARIZ NATURA.

Este programa comezou o pasado 8 de xullo cunha xornada de observación astronómica e continuará o vindeiro 16 de xullo cunha xornada de limpeza do río Tea en piragua na praia fluvial do Val. Para máis información e inscricións, cómpre contactar coa OMIX de Mondariz.

Outros artigos