Miguel Ángel Martínez Coello presenta en Valga o libro “A Bela Otero”

Unha monografía sobre a artista que coroou a Belle Epoque

Valga | No auditorio do Museo da Historia de Valga tivo lugar a presentación de “A Bela Otero” obra do investigador, pintor, escritor e humanista ourensán Miguel Ángel Martínez Coello, unha monografía sobre a artista que coroou a Belle Epoque.

O autor estivo acompañado de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística da Xunta Galicia, que cualificou a obra como “o máis completo estudo sobre Carolina Otero, rescatando para a Historia de Galicia a figura ás veces menosprezada dunha muller libre que soubo enfrontarse nun complicado mundo de homes no peor dos contextos posibles”.

Trazando un paralelismo con Rosalía de Castro “moi preto de aquí –dixo- outra gran muller, a figura senlleira das nosas poetas, tiña que autorizala ou seu home Manuel Murguía, para poder escribir. Polo tanto, temos que saber valorar o que estas mulleres adiantadas fixeron e agradezo a Miguel Coello a súa teima e o gran traballo que fixo nesta obra que será un referente sen dúbida para as novas xeracións que queiran achegarse a figura da Bela Otero”.

Asistiron ó acto Pedro Calvo, responsable de Cultura do Concello de Valga; Antonia Blanes escritora e investigadora social, autora do prólogo; Marina Sánchez artista polifacética, escritora, poeta e presentadora que leu un poema da súa autoría mergullando na alma sensible e nos vaivéns da vida desta estrela, dor e sufrimento, riqueza e alegría, trasladando a emoción a todos os asistentes, e Avelino Jácome escritor, editor e director da revista Cultural Nós, a Xente do Redor.

Arroupando ao autor personalidades do mundo da cultura, membros do Museo Casa Do Patrón de Lalín, Manuel Blanco Villar o seu director, Amparo Blanco e Sara Mato, o músico e dinamizador cultural estradense Juan Ruibal, o empresario e violinista dezano Maximino Miguez Salgado, entre outros.

En palabras de Coello, “agradezo a Valentín García e a Xunta de Galicia o seu apoio a este proxecto que acaba de comezar. Seguirei investigando e difundindo a esta muller á que admiro. Moitas grazas tamén a Pedro Calvo e ó Museo por ofrecerme este marco fabuloso e aos meus compañeiros do Movemento Cultural Nós a Xente do Redor polos azos que me dan sempre”. O autor fixo entrega dun libro de medidas especiais para que forme parte dos fondos do museo.

A xornada rematou cunha visita guiada ó Belén Articulado de Valga, unha xoia que puideron admirar a grupo de intelectuais que acompañaron ó autor neste evento

O Museo da Historia de Valga, de recente construcción, garda temática centrada no territorio e o medio natural do Concello de Valga; un percorrido pola historia comarcal desde os primeiros poboadores, ó mundo contemporáneo con especial atención á figura do investigador e historiador valgués Xesús Ferro Couselo e da apaixonante figura da “Bela Otero”.