Mesa Local contra a violencia de xénero en Mos

Entregouse o IV Plan de Igualdade do Concello de Mos 2022-2025

Mos | Esta mañá celebrouse no salón de actos da Axencia de Colocación de Mos a Mesa local contra a violencia de xénero na que participaron a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, a concelleira de Educación, Julia Loureiro, as traballadoras do CIM de Mos e do departamento municipal de Política Social de Mos, representantes do Centro de Saúde de Mos e IES de Mos, traballadoras dos departamentos de Educación, Participación Cidadá e Mocidade, e demais integrantes da mesa como Corpos de Seguridade (Policía Local e Garda Civil)

Desde a concellería de Política Social e Igualdade que dirixe a edil Sara Cebreiro, decidiuse proceder á convocatoria da Mesa Local contra a Violencia de Xénero, coa seguinte orde do día: lectura e aprobación da acta da sesión anterior. Dar conta das mulleres atendidas e das actividades realizadas no CIM dende a celebración da última mesa.

Actividades xa realizadas neste ano 2022 e as pendentes de realizar. Información e entrega do IV Plan de Igualdade do Concello de Mos 2022-2025. Propostas de actividades para o ano 2023. Preguntas e suxestións.

Ademais hoxe abordouse tamén a necesidade da constante formación do persoal profesional que traballa habitualmente con casos de violencia de xénero. E no marco da reunión desta mañá levouse tamén a cabo un balance da atención á muller no Centro de Información á Muller mosense. As Mesas Locais de Coordinación teñen como obxectivo xeral, a promoción, no ámbito municipal, de políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou a importancia destas Mesa Locais de Coordinación, xa que aúnan no ámbito municipal, políticas e actuacións para a erradicación da violencia de xénero.

Arévalo insistiu na vital importancia da loita para a prevención e a erradicación da violencia de xénero, coa obriga de articular medidas de sensibilización, asesoramento, atención e protección ás mulleres que a sofren, procurando os medios efectivos e axeitados a cada caso e as alternativas para o exercicio dos seus dereitos como cidadás nun estado democrático, e polo tanto, resulta fundamental coordinar todos os recursos dirixidos a sensibilizar a toda a sociedade na loita e prevención da violencia de xénero.

A rexedora local mosense destacou que o Concello de Mos, considera como obxectivos específicos desta Mesa Local de Coordinación contra a Violencia de Xénero a mellora da detección precoz de casos de violencia de xénero; optimizar a coordinación dos axentes implicados na loita contra a violencia de xénero; ofrecer unha atención e unha resposta áxil ás vítimas de violencia; mellorar a protección ás vítimas de alto risco; e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á poboación en xeral.

Novo edificio de 34 vivendas en Puxeiros
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Urbanismo, José Areal, informaron de que onte se aprobou en Xunta de Goberno Local concederlle licenza a unha promoción residencial de 34 vivendas en Puxeiros (zona de Correos). Trátase dun edificio no Camiño Monte de Cabral que comezará a construirse o vindeiro verán e, segundo informan desde a promotora, Santerr Obras e Instalaciones, prevese que estea rematado nun prazo máximo de 2 anos.

A construción contempla, como se dixo, 34 vivendas dotadas de prazas de garaxe (de 3 metros de ancho cada praza) con patio inglés, que contan con ventilación e luz naturais. Contará con piscina comunitaria climatizada e subacuática, isto é, as paredes acristaladas do vaso dan aos garaxes, facendo as veces de ventás polas que entra tamén luz natural.
A promoción componse dun bloque aislado, en medio dunha finca de 2.300 m2 de uso exclusivo para a comunidade.

A edificación contará con instalación de enerxías renovables, aerotermia e fotovoltáica. Quentará as vivendas a través de solo radiante, o sistema elixido para elo é a aerotermia, que combinada cos paneis fotovoltaicos, reducirán os custes de produción de enerxía dun xeito moi notable, para que os residentes teñan que destinar a menor cantidade de recursos posible tanto a calefacción como auga quente sanitaria.

Nas épocas de primavera e verán, nas que o consumo de calefacción baixa, e a producción de xeración de enerxías renovables a través dos paneis fotovoltaicos e a aerotermia aumenta, aproveitarase esa enerxía para climatizar a piscina comunitaria, para así poder ampliar os meses de uso desta mesma.

O edificio incluirá diferentes tipos de vivenda, entre eles, vivendas tipo dúplex.
Como se vén demostrando dende fai anos, Mos se consolida como unha localidade que particulares e empresas elixen para residir e asentarse, de ahí o gran incremento experimentado na concesión de licenzas de primeira ocupación de vivenda unifamiliar e de obra maior.

Nidia Arévalo e José Areal consideran que “este novo edificio é unha demostración máis de que Mos é un Concello ideal para vivir. É notable o aumento do número de novas vivendas experimentado en Mos durante os últimos anos, o que se debe en gran parte ao pulo que supuxo a implantación do Plan Xeral, aprobado definitivamente en xaneiro de 2017”. “A existencia e implantación dun PXOM está animando aos particulares e ás empresas a establecer ou consolidar a súa residencia ou negocio, respectivamente, en Mos; e que a localidade mosense está a ser percibida e considerada como un bo municipio para vivir e crecer empresarialmente”, explican Arévalo e Areal.

Mos leva experimentando nos últimos anos un aumento importantísimo das licenzas urbanísticas concedidas o que demostra, unha vez máis, que o de Mos é un Concello ideal tanto para vivir como para desenvolver unha actividade empresarial e/ou industrial.