Mes da Biblioteca en Tui

Cun amplo programa de actividades para todo o público

Tui | Co gallo do Día da Biblioteca que se celebra o 24 de outubro a Biblioteca Municipal de Tui organiza un amplo programa de actividades dirixidas aos diversos segmentos de público para achegar o libro e a cultura á cidadanía.

“BiblioTeCuida” é o lema co que este ano se celebra do Día da Biblioteca, que conta cun cartel da ilustradora galega Xulia Vicente. Esta conmemoración céntrase en destacar o papel das bibliotecas como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, se preocupan por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental dos servizos das comunidades ás que pertencen.

Teatro Ghazafelhos, Juste Kamishibai papel e teatro, e o mago Javier Muro serán os encargados das actividades programadas para o público infantil.

A primeira das citas terá lugar o próximo martes, 4 de outubro, ás 17.30 h da man de Teatro Ghazafelhos con “A máquina do tempo”. Unha obra na que os protagonistas a doutora Mon e o seu axudante Pe logran construír unha máquina do tempo coa que viaxar a distintas épocas da nosa historia. O espectáculo cunha duración de 50 minutos vai dirixido a público familiar dende os 5 anos.

A semana seguinte, o martes 11 de outubro, ás 17.30 h Juste Kamishibai, Papel e Teatro presentará “Os Nortis e os libros sen título” recomendada a partir de 4 anos. Será unha viaxe entre libros de cartón dos que xorden desplegables pop-up, mecanismos móbiles e xogos de contraluz con imaxes.

Mentres o martes, 18 de outubro, ás 18.00 h será o mago Javier Muro quen presente o espectáculo “Xogando coas palabras” no que as palabras, os números e as letras escollidas ao azar sorprenderán ao público.

Dentro da programación do Mes da Biblioteca está prevista a presentación do libro “El báculo de San Epitacio” do autor tudense Emilio Estévez o venres, 7 de outubro, ás 20.00 h. O acto contará coa presenza do autor e diversas persoas convidadas.

O luns 17 será inaugurada unha moi interesante exposición “Castelao grafista (facsimile)” que achega a nosa cidade Afundación, Obra Social de Abanca, coa colaboración da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia – Xunta de Galicia.

Na segunda quincena de outubro o Anexo da Sala Municipal de Exposicións acollerá unha mostra fotográfica promovida pola Subdelegación de Defensa e a Comandancia Naval do Miño sobre a “Misión Atalanta” que desenvolven as Forzas Armadas españolas no océano Índico. No decurso da mostra haberá tamén unha charla informativa sobre esta misión dos militares españois.

Amais a Biblioteca Municipal iniciará o martes, 22 de outubro o Club de Lectura, para o que está aberta a inscrición ata o día 15 de outubro. Un club de lectura é un grupo de persoas que se reúnen periodicamente para comentar un mesmo libro. Cada un le de xeito individual na súa casa e despois, nas reunións do Club, comparten opinións e debaten os distintos aspectos do texto: as personaxes, o seu significado, o estilo literario, etc.

Os libros son aportados pola Biblioteca Municipal de Tui. O persoal da Biblioteca actuará como coordinador e moderador dos clubs. Non é necesario ser un gran lector, simplemente ter ganas de ler e animarse a participar nas reunións do club que se establecen cunha periodicidade quincenal. Os interesados poden inscribirse no formulario dispoñible na web da biblioteca municipal tudense https://www.bibliotecaspublicas.es/tui/Servicios/Club-de-lectura.html, tamén enviando un correo a biblioteca@tui.gal ou persoalmente na propia biblioteca.

Programa Mes da Biblioteca
Martes, 4 de outubro, ás 17.30 h na Biblioteca Municipal de Tui
“A maquina do tempo” por Teatro Ghazafelhos

Venres, 7 de outubro, ás 20.00 h na Biblioteca Municipal de Tui
Presentación do libro “El báculo de San Epitacio” do autor tudense Emilio Estévez
Martes, 11 de outubro, ás 17.30 h na Biblioteca Municipal de Tui
“Os Nortis e os libros sen título” de “Juste Kamishibai papel e teatro”

Luns, 17 de outubro, na Sala de Exposicións Municipal
Inauguración da exposición “Castelao grafista (facsímile)” da Afundación, Obra Social de Abanca, coa colaboración da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e Turismo de Galicia – Xunta de Galicia.

Segunda quincena de outubro no Anexo da Sala Municipal de Exposicións
Exposición fotográfica sobre a “Misión Atalanta” que desenvolven as Forzas Armadas españolas no océano Índico. Promove a Subdelegación de Defensa e a Comandancia Naval do Miño.
Haberá charla informativa sobre esta misión dos militares españois.

Martes, 18 de outubro, ás 18.00 h na Biblioteca Municipal de Tui
“Xogando coas palabras” co mago Javier Muro

Martes, 22 de outubro
Comezo do Club de Lectura
Inscrición até o 15 de outubro en https://www.bibliotecaspublicas.es/tui/Servicios/Club-de-lectura.html, no correo biblioteca@tui.gal ou persoalmente na propia biblioteca.