Melloras en dous colexios de Primaria de Mos por preto de 400.000 euros

Son os casos dos CEIPs de Petelos e Atín
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo (centro), inspeccionou as obras de mellora destes CEIPs mosenses.

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación mosense, Julia Loureiro, informaron hoxe de que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia acometerá antes de que remate o presente ano 2021 sendas obras de mellora por preto de 400.000 euros nos Colexios de Educación Infantil e Primaria mosenses de Atín e Petelos.

Os traballos atópanse en proceso de licitación para a contratación das empresas concesionarias, e comezarán a ser acometidos de cara ao vindeiro mes de decembro.

No caso do CEIP de Petelos a obra de optimización das instalacións consistirá na susbstitución de toda a carpintería de aluminio (portas e fiestras) do centro, cun orzamento de 158.626,38 euros.

E por outra banda, no CEIP de Atín acometerase a última fase da mellora integral do centro, co remate da renovación da carpintería de aluminio nas zonas que quedaban pendentes de substituír e substitución tamén dos falsos teitos e luminarias nos espazos nos que aínda non se fixera.

Ademais procederase ao derrubamento do anexo-almacén do edificio e reparación de fachada, solicitado pola dirección e a ANPA do centro, á execución dunha rampa de acceso para solventar o acceso polo devandito antigo anexo; e demolición e desamiantado de cubrición do patio interior, cuberto con perfil gran onda de fibrocemento, para a posterior execución da nova cubrición do patio.

As obras no colexio de Atín teñen un orzamento de 210.273,62 euros.