“Mavi, a maleta viaxeira” recala en Covelo pola igualdade de xénero

Unha inicitiava de concienciación social a través da lectura

O Covelo | O Concello de Covelo é un dos primeiros concellos en participar no programa “Mavi, a maleta viaxeira” da Subdelegación do Goberno en Pontevedra e do Ministerio de Igualdade así o indicou a subdelegada do goberno na provincia de Pontevedra, Maica Larriba, no momento de entrega da maleta á tenente alcalde de Covelo e representante no consorcio de igualdade e benestar, Lourdes Enes.

A tenente alcalde explica que grazas a esta inicitiava farase fincapé na concienciación sobre igualdade de xénero ofrecéndose, en réxime de préstamos, libros relacionados co feminismo, igualdade empoderamento, autoestima ou violencia machista. Ademais, María Valiñas, concelleira de Igualdade, engade que tamén se realizarán obradoiros para traballar arredor destas temáticas e dos libros.

As persoas interesadas poderán recoller os seus libros de luns a venres de 8.00 h a 14.00 h no concello de Covelo (oficina Cultura).

Lourdes Enes explica que “MAVI: a Maleta Viaxeira contra a violencia de xénero” é unha iniciativa que nace co obxectivo de achegar textos que promoven a reflexión, a sensibilización e concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades.

A maleta comezou a súa andaina no Centro Penitenciario de A Lama e continuará a súa viaxe por diferentes casas de acollida, asociacións de mulleres vítimas de violencia de xénero, centros de información á muller ou servizos sociais da provincia que soliciten. A maleta conta con libros infantís, xuvenís e para adultos, co obxectivo de que non só as mulleres, senón tamén as nenas e mozas poidan formar parte do proxecto.

Entre as obras que garda a maleta atópanse títulos como “Tú haz la comida, que yo cuelgo los cuadros: Trampas y tramposos en la cultura de la desigualdad” de Miguel Lorente Acosta; “A mí no me iba a pasar: Una autobiografía con perspectiva de género” de Laura Freixas; “Cansadas” de Nuria Varela; “El libro de la hija” de Inma López Silva; “Invisibles: Relatos del maltrato” de Montse Fajardo ou “Mujeres que compran flores” de Vanessa Montfort. A maleta contén tamén un diario de viaxe, no que as usuarias poderán escribir e compartir as súas reflexións sobre as lecturas.