María Eugenia Escalona, visitante número 16.000 da exposición ‘Os nosos entroidos’ en Ourense

Foi agasallada polo alcalde Gonzalo Pérez Jácome

Ourense | María Eugenia Escalona converteuse na visitante múmero 16.000 da exposición “Os nosos entroidos. Exposición de traxes tradicionais e de personaxes”, que organiza o Concello na Sala Valente. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, achegouse á mostra e entregoulle un agasallo a visitante número 16.000.

A mostra entra nas dúas últimas semanas nas que, subliña o hgoberno municipal, “se están batendo récords cada semana, imos a unha media de 1.000 visitas semanais, polo que é con diferencia a exposición máis visitada da historia de Ourense cidade”.

A mostra, que permanecerá aberta até o 5 de setembro, cumpre cinco meses , e desde que comezou o verán recibe unha media de 1.000 visitas semanais. Para os organizadores é unha satisfacción que “os traxes e personaxes do entroido ourensán se convertan na exposición máis visitada das salas e museos do Concello de Ourense”.

“Os nosos Entroidos” está composta por máis de cen pezas de 44 entroidos senlleiros da nosa provincia. Os elementos expostos, algúns con máis de medio século de historia, proceden de cesións realizadas por 39 concellos, por asociacións culturais e por particulares, e non faltarán pantallas, peliqueiros, cigarróns, boteiros ou a famosa Morena de Laza.

Pero tamén conta con traxes descoñecidos para o grande público, recuperados logo de anos de estudo e de investigación antropolóxica ao longo da provincia, en palabras de Francisco González, director da exposición.

Pódese visitar de martes a sábado, en horario de 11 a 14 horas e de 18.30 a 21.30 horas; os domingos, de 11 a 14 horas. Os lúns, o espazo permanece pechado.