Manuel Cabezas renuncia como concelleiro do PP en Ourense

O BNG sostén que foi empregado polo PP para manter a Deputación pero agora “resultaba incómodo”

Ourense | A renuncia de Manuel Cabezas Enríquez como concelleiro do PP no Concello de Ourense coñecida no día de hoxe constata, segundo o portavoz municipal nacionalista Luís Seara, “o que o BNG leva dicindo desde hai anos. PP e DO son as dúas caras dunha mesma moeda e o pacto entre PP e Jácome, por arriba, vai máis aló do que aparece escrito e asinado”.

Seara afirma que os feitos corroboran a tese do BNG xa que “puidemos comprobalo no pasado pleno coa abstención do PP para que fose aprobado o expediente das luces de nadal e verémolo de novo en vindeiras ocasións”.

O portavoz do BNG no Concello de Ourense ten claro que “o PP é funcional aos intereses de Jácome. Cabezas foi un instrumento do que se serviron os populares para salvar a Deputación, pero logo do estrepitoso fracaso electoral, agora resulta incómodo”.

Para os nacionalistas queda acreditado que “o PP prégase ás demandas de Jácome para sacar a Cabezas do Concello. Jácome ten esposado ao PP, que é un refén nas súas mans”, e remata engadindo que, “unha vez máis, o PP prefire a un alcalde letal antes que defender os intereses de Ourense e da súa veciñanza”.