Ourense | O candidato á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, anunciou esta mañá a adopción dunha serie de medidas de carácter inmediato para acabar coa “situación de emerxencia” na que se atopa a cidade, medidas entre as que figura esixir a dimisión do actual alcalde e a paralización de todos os procedementos de contratación no Concello, solicitar un pleno extraordinario, ampliar a denuncia presentada polo Partido Popular ante a Fiscalía e poñer todos estes feitos en coñecemento do Consello de Contas.
Manuel Cabezas advirte que “está en xogo Ourense e os seus cidadáns, porque o que estamos a vivir agora mesmo é unha situación de emerxencia, unha anomalía política con feitos gravísimos que están a pasar neste momento”.
Esta historia “só escribírona as súas propios protagonistas: un alcalde e o seu corte de eventuais; unha persoa que se chama así mesmo corrupto nesas gravacións; non son eu quen o di, que nunca o fixen e nunca o farei; pero que alguén se conceptúe a se mesmo dese xeito é gravísimo”, afirma o candidato.
Ante esta situación e nunha convocatoria urxente aos medios de comunicación esta mañá, Manuel Cabezas esixe “a inmediata dimisión do alcalde e o cesamento inmediato de todo o seu equipo de eventuais, ademais de coñecer o grao e complicidade neste presunto saqueo que se está producindo”. Tamén anunciou a petición inmediata de “paralización de todos os procedementos de contratación no Concello”, advertindo que “todo o que non suceda dese xeito será motivo para esixir responsabilidades a todos os niveis”.
Entre outras medidas anunciadas por Manuel Cabezas figura tamén: Denunciar as presuntas irregularidades na adxudicación da demolición do matadoiro municipal. Ampliar o escrito de denuncia á Fiscalía coas novas conversacións coñecidas a través dos novos audios publicados. Poñer en coñecemento do Consello de Contas todos estes feitos. Presentar, coa firma de todos os membros do grupo municipal do PP, unha petición de pleno extraordinario, á que tamén se convidará a asinar ao Partido Socialista e ao BNG.E facer unha auditoría económica e administrativa desde o primeiro ata o último dos papeis tramitados en cada un dos procedementos, desde que o actual goberno asumiu ditas competencias de contratación.
“Indubidablemente deixaremos que actúe a xustiza, como non pode ser doutra maneira”, afirma Manuel Cabezas, que fai un chamamento á cidadanía: “O día 28 estamos en disposición de ditar entre todos unha sentenza electoral”.