Manuel Baltar renuncia á presidencia de Partenalia

Tamén á da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais

Ourense | Despois da decisión de non optar á reelección ao fronte da Deputación de Ourense, corporación que se constitúe este luns 17 de xullo para o mandato 2023-2027, Manuel Baltar comunicou por carta ás directivas de Partenalia -a rede europea de gobernos provinciais- e da Asociación Europea de Cidades Históricas Termais -EHTTA, nas súas siglas en inglés- a súa renuncia á presidencia de ambas entidades.

Manuel Baltar lidera Partenalia dende 2018 e foi reelixido por unanimidade no Consello Político celebrado en outubro de 2022 en Bruxelas por dous anos máis. Mentres, a EHTTA está presidida por el dende 2019, e na Asemblea Xeral celebrada en Caldes de Montbui en maio de 2022 foi reelixido por unanimidade ata 2026.

Ambas entidades europeas recoñecen o traballo desenvolvido por Manuel Baltar nestes anos, con froitos como a alianza coa Organización Mundial do Turismo na posta en valor global do termalismo e a reivindicación dos gobernos locais intermedios, ou a celebración en Ourense do Congreso Internacional de Turismo Termal -setembro do 2022- e da Conferencia Política da Confederación Europea dos Poderes Locais Intermedios -marzo de 2023-.

Asociación Europea de Cidades Históricas Termais
Na carta dirixida ao persoal técnico e socios da EHTTA -52 membros en 20 países-, Manuel Baltar agradece o compromiso e traballo colectivo de todos, que permitiu “a creación dunha estrutura organizativa capaz de cooperar coa Organización Mundial do Turismo (OMT)”, acadando o seu apoio en novembro de 2021 para celebrar o Congreso Internacional de Turismo Termal en Ourense e en novos eventos que se desenvolverán o longo dos próximos meses.

“A nivel europeo, a EHTTA está hoxe presente en todos os foros e redes relacionadas co valor da auga, o termalismo e o turismo”, destaca Manuel Baltar, que lembra que esta asociación europea é membro da European Heritage Alliance ou asinante da Declaración de Glasgow sobre a Acción Climática no Turismo -ratificado en Ourense-.

“Despídome deste cargo pero seguirei sendo un firme crente dos valores defendidos por esta asociación”, valora Manuel Baltar, que incide en que “Ourense non renuncia ao seu papel de futuro como unha gran capital termal internacional. Neste novo período seguirei traballando desde Ourense coa visión posta no recoñecemento do termalismo a escala local, europea e mundial”.

Partenalia
No escrito dirixido aos integrantes de Partenalia, Manuel Baltar sinala que “os cinco anos ao fronte desta rede reforzaron a miña convicción de que unha maior integración europea pasa pola cooperación entre gobernos locais intermedios, que é o que da corpo ao sentimento de identidade europea mediante proxectos e iniciativas de cooperación que proporcionan cambios beneficiosos na vida dos nosos veciños”.

Neste sentido, Manuel Baltar define a existencia de Partenalia como “esencial”, ao proporcionar “representación permanente das deputacións europeos ante as institución da Unión Europea, ao ser a única entidade constituída por administracións locais intermedias”.

“A nosa labor colectiva de declaracións que permitiron trasladar os puntos de vista e expectativas dos gobernos provinciais aos sucesivos presidentes do Comité Europeo das Rexións ou co entón vicepresidente do Parlamento Europeo, Ramón Valcárcel, contribuíu a reforzar a visibilidade das nosas administracións a nivel europeo e a traballar na consecución dun maior protagonismo destes gobiernos de proximidade”, recalca Manuel Baltar.

Manuel Baltar agradece o apoio de todos ao longo destes cinco anos e sinala que “seguirei sendo un voceiro da importancia dos gobiernos locais intermedios no paisaxe administrativo europeo e os acompañarei no seu esforzo cara un maior recoñecemento destas autoridades, que debe pasar por un acceso máis directo aos fondos europeos de impacto local e vencellados coas competencias provincias”. Na foto Manuel Baltar con Vasco Cordeiro presidente do Comité Europeo das Regioes.