
Santiago de Compostela | A Cooperación Galega celebrou esta mañá máis de tres décadas de traballo a favor dos dereitos das persoas máis vulnerables, cun encontro multitudinario no que participou o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo Pouso, que puxo en valor o papel referente de Galicia a nivel europeo en materia de cooperación para o desenvolvemento e confirmou o compromiso da Xunta coas organizacións do terceiro sector e da Coordinadora Galega de ONGD, que contribúen á defensa dos dereitos humanos e á loita contra as desigualdades a nivel global.
O director xeral de relacións exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller, recordou que o compromiso do goberno galego coa cooperación internacional é inquebrantable e que se mantivo nos momentos de crise económica.
A presidenta da Coordinadora Galega de ONGDs, María Paz, defendeu que “a cooperación internacional faise máis necesaria que nunca”, nun mundo no que “hai 56 conflitos armados activos, confictos nos que que máis de 122 millóns de persoas —a maior cifra da historia— se viron obrigadas a fuxir das súas casas”. Paz lamentou que o ano 2025 está sendo o máis mortífero para o persoal humanitario desde que hai rexistros e recordou que “son moitas as nosas compañeiras de ONG locais, activistas e defensoras de dereitos humanos as son agredidas, perseguidas e mesmo asasinadas por asumir, xenerosamente o liderado de defender os dereitos que son de todos e de todas”.
Neste sentido, un auditorio ateigado acolleu as tres defensoras de dereitos participantes na segunda edición de Galicia Abriga, Milagro Alvarado, Juventina López e Ana Donis, que salientaron a importancia trascendental de defender o “dereito a defender dereitos”.
Juventina López asegurou que a súa estadía dentro de Galicia Abriga a está a axudar a poñer en valor o verdadeiro impacto do seu labor como defensora indíxena guatemalteca durante máis de 20 anos e a reporse do esforzo que isto supón. Ana Donis puxo en valor o traballo que a organización guatemalteca Mujeres Transformando el Mundo vén desenvolvendo dende hai 16 anos, nun contexto “de sistema patriarcal, justicia lenta y pobreza que limita la lucha de las mujeres”. Milagro Alvarado recoñeceu que o seu labor como defensora dos dereitos das persoas máis vulnerables tivo un impacto moi positivo no seu desenvolvemento persoal e profesional, pero tamén un fondo desgaste físico, emocional e político, “incluyendo desplazamiento forzado”. “Galicia Abriga me está permitiendo trabajar en mi salud emocional y física”, asegurou, “y tomar herramientas que me fortalezcan a mí y a mi organización”.
Outro dos pratos fortes do encontro a conversa sobre os procesos de transformación favorecidos pola Cooperación Galega nos seus países que mantiveron a xefa de recursos hídricos da administración rexional de augas do sur de Mozambique, Lizete Dias; a antropóloga coordinadora da unidade de educación da fundación IRFA de Bolivia, Pamela Violeta Sánchez Pereira; o director da fundación Solidaridad de República Dominicana, Juan Castillo; e o director executivo do comité para la defensa e desenvolvemento da flora e da fauna do Golfo de Fonseca de Honduras, Roger Armando Reyes.
Juan Castillo destacou que “el dinero invertido en cooperación mejora vidas”, mentres que Pamela Violeta Sánchez salientou que “la cooperación gallega nos ayuda a que las mujeres sean sostenibilidad para su familia” y, así, puedan “accededer a nuevos espacios de poder”. E Roger Armando Reyes relacionou o apoio da cooperación galega coa “soberanía alimentaria.
Datos sobre os proxectos de cooperación
Galicia comezou a cooperar no ano 1992, pero non sería ata o 2021 cando se oficializou “cooperación galega”: unha denominación que define o conxunto de iniciativas que, no eido da cooperación ao desenvolvemento, se financian dende os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma. Nos últimos 25 anos a Xunta de Galicia ten investido case 180 millóns de euros en Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Isto é o 80% dos fondos que, dende Galicia, impulsan a cooperación no Sur Global.
Segundo a última edición do informe O traballo das ONGD galegas no mundo, no 2024 a cooperación ao desenvolvemento galega contribuiu – a través de 120 proxectos- a mellorar as condicións de preto de 410.000 persoas. Algo máis dun 51% eran mulleres.
Hai 11 países prioritarios para a cooperación galega: Guatemala, Bolivia, República Dominicana, Honduras, Ecuador, Nicaragua, Perú, El Salvador, Mozambique, Guinea Bissau, Cabo Verde e outros países da Lusofonía, xunto á poboación saharauí e Palestina. Nos últimos vinte anos, estes países supuxeron o 90% dos proxectos. Pero non son os únicos nos que a cooperación galega ten presenza. Actualmente podemos atopar proxectos de desenvolvemento impulsados por organizacións galegas en alomenos 23 países.




