Máis de 400 visitas guiadas en 2021 no Museo de Ciencia do Viño en Salvaterra

Referente cultural sobre a vitivinicultura en España
O Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra rexistrou en 2021 un claro aumento no número de visitas con respecto ó ano anterior.

Salvaterra de Miño | O Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea, situado dentro do Castelo de Dona Urraca, no municipio de Salvaterra de Miño, está sendo todo un referente cultural sobre a vitivinicultura en España, como así o avala o número de visitantes recibidos dende a súa apertura en febreiro do 2019.

Neste 2021 rexistra un claro aumento no número de visitas con respecto ó ano anterior, grazas o respiro que neste verán e outono nos deu a evolución da epidemia do coronavirus COVID-19, dando como resultado máis de 400 itinerarios guiados.

O visitante destaca o bo estado de conservación das instalacións, os vangardistas recursos museísticos, a calidade dos viños do Condado do Tea e o trato persoal e individualizado recibido durante as visitas guiadas. Como consecuencia desta axeitada e profesional xestión, o Museo da Ciencia do Viño, consegue por segundo ano consecutivo a distinción Q de Calidade Turística que premia o bo facer en todos os niveis de interacción entre a entidade administrativa e o visitante.

O turismo enolóxico estase convertendo en Galicia nun dos principais reclamos turísticos da comunidade xa que outorga unha experiencia orixinal ao englobar infinidade de actividades complementarias arredor do mundo do viño: é o caso da gastronomía, da cultura, do patrimonio ou da tradición,  capaces de xerar redes invisibles de valor engadido.

Así, o Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea aposta de maneira inquebrantable pola excelencia valéndose da historia e da súa tradición. Un museo cen por cen didáctico, experiencial e interactivo que procura por en valor a marca propia “Condado do Tea” así como promocionar un territorio unido baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas.

Por outra banda, camiña co obxecto de potenciar a riqueza existente da zona vinícola na que está asentado e formar un destino turístico co selo distintivo: Salvaterra de Miño.
Paralelamente, ó longo dos vindeiros meses iranse presentando novas actividades e programas vencellados a este dinamizador complexo enoturístico: o Museo da Ciencia do Viño.

Outros artigos