“Luz verde” ao Ciclo Integral da Auga en Ponteareas

Garantirá investimentos millonarios en saneamento no rural

Ponteareas | O pleno aprobou de forma definitiva o anteproxecto de explotación do Ciclo Integral da Auga de Ponteareas para o servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración da vila, unha nova concesión que reportará grandes beneficios para o municipio.

“A empresa concesionaria deberá investir en mellorar e ampliar as infraestruturas que, xunto á ampliación da depuradora, permitirán que o saneamento chegue a esas 19 parroquias que aínda non o teñen”, salientou a alcaldesa, Cristina Fernández.

Como recolle o anteproxecto, a concesión será a 20 anos, fronte aos máis de 30 do período anterior e a empresa que acade o contrato deberá pagar un canon de máis de 1,3 millóns de euros, fronte aos 150.000 da concesión anterior. Ademais, un dos aspectos máis importantes da contratación do servizo será que as empresas deberán ofertar investimentos en obras de saneamento e abastecemento no rural por un mínimo de 1,6 millóns e ata un máximo de 7,7 millóns de euros. Na concesión anterior o Concello non recibiu ningún investimento.

O Concello xa ten redactado un plan director de saneamento que determina tecnicamente todo o que hai que facer en cada parroquia que se suma á ampliación da depuradora da Moscadeira co maior investimento económico da historia de Ponteareas, 14 millóns de euros, unha ampliación sen a que a Confederación tiña prohibido facer novas obras de saneamento.

Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade unha modificación do expediente de contratación de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para, entre outras cuestións, modificar a duración do contrato a un ano con posibilidade de prórroga por 12 meses ata un máximo de 4 anos. Ademais, tamén aprobou con todos os votos a favor instar de novo á Xunta de Galicia a poñer en marcha axudas económicas para paliar os danos millonarios causados polas inundacións do pasado Nadal, que afectaron a milleiros de instalacións públicas e privadas.

Obradoiros infantís en Bugarín e Celeiros
O Concello de Ponteareas pon en marcha dous novos obradoiros infantís nas parroquias da vila, talleres de balde para nenos e nenas de 5 a 12 anos nos que aprender, divertirse e gozar dun tempo de lecer entre rapazada. Estes obradoiros, que terán prazas limitadas, permitirán fomentar a creatividade dos máis pequenos e pequenas a través de diferentes actividades adaptadas ás súas idades.

O Centro Cultural de Bugarín acollerá estes obradoiros os venres a partir deste mesmo 28 de abril, en horario de 16.00 a 17.30 horas. As persoas interesadas en anotar neste taller a un neno ou nena poderán facelo na propia casa cultural ou a través do teléfono 642 732 012.

Pola súa banda, o Centro Cultural de Celeiros realizará estes obradoiros os luns a partir do 8 de maio de 18.00 a 19.30 horas. Neste caso, para participar deben inscribirse aos cativos e cativas nas instalacións da casa cultural. O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida aos máis pequenos e pequenas de Ponteareas a participar nestes obradoiros de balde, así como noutros que se vaian desenvolvendo nos diferentes centros e casas culturais das parroquias.