Luis Menor prioriza o diálogo cos bombeiros dos parques comarcais de Ourense

Condena “profundamente este xeito de reivindicar”

Ourense | Luís Menor, presidente da Deputación de Ourense, prioriza o diálogo cos bombeiros dos parques comarcais na procura dunha solución ás súas reivindicacións, pero condena “profundamente este xeito de reivindicar”.

Luis Menor fixo estas declaracións trala manifestación que os bombeiros realizaron hoxe diante do Pazo Provincial e logo de recibir na sala de xuntas da Deputación a unha delegación dos concentrados.

Aínda que os profesionais que prestan os seus servizos nos parques ourensáns teñan mellores condicións, dixo o presidente provincial, “non imos entrar en poxas nin subastas; este é un servizo de Galicia e a solución terá que ser a nivel autonómico”. As posturas entre os demandantes e as administracións -Xunta e deputacións- están distantes, recoñeceu Luís Menor, apuntando que “os plantexamentos dos bombeiros son moi extremos e considero que fai falta un exercicio de diálogo”.

O presidente da Deputación de Ourense comprometeuse a trasladar as reivindicacións que lle fixo chegar a delegación de bombeiros, “porque sempre priorizo o diálogo coas persoas e máis coas que traballei”, en referencia ao seu paso pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, condena los numerosos desperfectos ocasionados no Pazo Provincial “porque as formas de reivindicar non foron as debidas, e non se pode perder a razón deste xeito e con estropicios que agora pagaremos nós”.