Luis Menor preside a Rede de Vilas Termais da FEGAM

“Trataremos de aportar o mellor de nós e atraer os maiores beneficios e investimentos nesta área”

Ourense | O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presidirá a Rede de Vilas Termais da Federación Española de Municipios e Provincias durante todo o presente mandato. Os vicepresidentes serán os alcaldes de Cuntis e Cerdedo-Cotobade, Manuel Campos Belay e Jorge Cubela López, respectivamente.

A Rede de Vilas Termais nace ao amparo da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), coa fin de promocionar as entidades locais con augas minerais medicinais e termais. Na actualidade está composta por 77 corporacións locais de todas as comunidades autónomas de España.

Luis Menor agradeceu “a confianza depositada pola FEMP na Deputación de Ourense para liderar durante catro anos esta rede” e salientou que este acordo “reafirma o posicionamento da provincia de Ourense como un dos principais territorios termais de España”. Ademais, sinalou que asumir a presidencia desta rede “evidencia o gran traballo realizado nos últimos anos na Deputación a prol deste sector diferenciador e estratéxico para o desenvolvemento do noso territorio”.

De feito, Menor anunciou que “traballaremos para aportar a nosa experiencia nunha materia onde Ourense xoga un papel moi destacado a nivel nacional. Aportaremos o mellor de nós para atraer os maiores beneficios nesta área, tan estratéxica para a provincia”.