Luís Menor compromete total apoio da Deputación á Universidade de Vigo

“Para acadar que o Campus de Ourense medre, algo que suporá que tamén o faga a provincia”

Ourense | O presidente da Deputación, Luis Menor, mantivo o seu primeiro encontro institucional co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, acompañado polo vicerreitor do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, e membros do seu equipo directivo como a secretaria xeral da UVigo, María José Bravo Bosch, e o vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez.

Luis Menor recalcou o “valor estratéxico” deste encontro, que transcurriu “nun ambiente de extraordinaria cordialidade, franqueza e colaboración recíprocas, cun diálogo directo, unidade de obxectivos e claridade na folla de ruta, na que o apoio da Deputación seguirá estando de xeito inequívoco e incrementándose a cada paso”. Ademais, o presidente provincial felicitou o equipo directivo da UVigo “por aportar polo noso Campus, situándoo como punteiro e nunha tendencia ascendente, cando a global é de descenso do alumnado, síntoma claro de que están a acertar nas súas decisión e nos seus diagnósticos”.

O máximo responsable da Deputación de Ourense analizou tamén as novas oportunidades de crecemento do Campus, baseadas na unión das dúas zonas universitarias mediante o soterramento de parte da Avenida Otero Pedrayo, e a posibilidade de acadar novos solares que permitan o crecemento do núcleo universitario e que permitan albergar novos centros xa diseñados dentro da liña académica tecnolóxica e aeroespacial.

“Colaboración sempre a houbo e vai seguir sendo así, pois a Universidade sempre foi fundamental para o avance da provincia e seguiremos apostando con total determinación e plena sintonía para acadar os obxectivos que todos buscamos: que a Universidade medre e eso suporá que a provincia tamén o faga”, expresou Luis Menor.

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, abundou da importancia estratéxica da ampliación do Campus: “Neste momento temos algunhas titulacións que están preparadas e que están traballando pero non teñen sitio, por eso a ampliación é precisa. O Campus de Ourense pode chegar a ser un dos mellores de España, porque está moi ben situado, nunha cidade na cal é moi agradable vivir e en plena urbe. O ideal é conseguir que sexa un Campus único, que sexa cómodo e accesible, e non ter que buscar ampliacións fóra del”.

De feito, o máximo responsable da UVigo sinalou que “este é para nós o proxecto máis emblemático do mandato que temos en marcha no conxunto dos 3 campus da Universidade, por eso precisamos toda a axuda e estamos moi satisfeitos e agradecidos pola posición da Deputación, que nos vai axudar a que esto que hoxe é un soño, se convirta nunha realidade da que todos poidamos presumir”.