Lugo, pioneiro en Galicia na homoxenización de protección do patrimonio catalogado

Conciliando os niveis de protección demandados polo PEPRI
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo.

Lugo | A área de Sostibilidade Urbana deu traslado ao Pleno Municipal da conformidade amosada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural á homoxenización formulada polo Concello para conciliar os niveis de protección que recolle o PEPRI, o Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior do Recinto Amurallado, cos requirimentos da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia.

Lugo convértese así, no primeiro gran Concello da Comunidade Autónoma en superar este trámite co que o Goberno de Lara Méndez non só persegue axilizar a tramitación e concesión das licenzas para actuacións que se poidan ver afectadas por este Plan, senón tamén ofrecer maiores garantías aos seus promotores.

Na procura dese obxectivo, o Servizo Municipal de Arquitectura eloborou un informe xustificando a equiparación entre os catro tipos de protección que cómpre ter en conta nas intervencións de conservación, restauración, readaptación, reestruturación e ampliación que resultan autorizables dentro do ámbito do PEPRI e os tres niveis de salvagarda que recolle a normativa autonómica ao respecto.

“A consecución desta equivalencia permitirá, a partir de agora, á Administración local abordar cunha maior dilixencia aqueles procedementos urbanísticos que afecten a elementos arquitectónicos ou paisaxísticos catalogados nos que sexa obrigada a supervisión do ente galego, ao ter consensuados, así, con esta harmonización os criterios técnicos a seguir”, sinalou a alcaldesa, Lara Méndez.