Lugo exhibe os cadros do XXXIII Certame de arte “José Domínguez Guizán”

Convocado polo Centro Cultural impulsor do Belén de Begonte

Lugo | Na Biblioteca Provincial de Lugo están expostos os cadros presentados ao XXXIII Certame galego de arte “José Domínguez Guizán”, convocado polo Centro cultural do mesmo nome, impulsor do Belén de Begonte.

Con estas obras complétanse as mostras situadas na entrada da Biblioteca Provincial relacionadas co Belén de Begonte: “50 anos do Belén de Begonte, 1972-2022”, “No Belén de Begonte, imaxes e palabras”, e “Mostra Bibliográfica de Medio Século do Belén”. Este conxunto de exposicións pode ser visitada ata o próximo fin de semana.

Na web www.belendebegonte.es pode contemplarse un video 360º do Belén electrónico de Begonte de 2 minutos de duración, que proporciona unha visión diferente, totalmente nova, sobre esta instalación cultural que está celebrando o seu primeiro cincuentenario, e ten convertido a Begonte na capital do Nadal en Galicia.

Os irmáns Alfonso e Miguel Díez Veiga, da produtora lucense Audiovisual Media A.D.V.M., en colaboración co experto en fotografía e video 360º, Suso Barral, confeccionaron este video que permite contemplar diversas partes do Belén desde ángulos totalmente imposibles para o espectador que o visita na súa sede begontina. Para a filmación deste video, os especialistas desplazaron os equipos técnicos ao Belén, instalando cámaras en diversos lugares para conseguir os planos que conforman esta visión panorámica total do Belén creado en 1972 por José Rodríguez Varela, e impulsado polo daquela párroco, José Domínguez Guizán, que da nome ao Centro Cultural que durante este medio século potenciou este Belén.