Lorena Conde gaña o 36º Premio de Poesía Cidade de Ourense

O xurado destacou a “calidade lingüística e estética coidada” da súa obra

Ourense | O Concello de Ourense presentou a obra gañadora da edición número 36 do Premio de Poesía Cidade de Ourense: “As puntas da louza. Cancioneiro popular de labor”, de Lorena Conde, nun acto no que participaron a autora, o crítico literario, membro do xurado e encargado da edición, César Lorenzo e o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome.

O xurado, reunido o día 25 de setembro, acordou por maioría conceder o premio á obra de Lorena Conde Martínez, logo de examinaren os 26 orixinais presentados, dos que un foi desbotado por gañar outro premio.

O xurado destacou da obra gañadora “a súa calidade lingüística e estética coidada, así como a coherencia no discurso que soubo visibilizar a inspiración nas formas tradicionais da música tradicional e relixión, reformulándoas dunha maneira transgresora. Voz poética que amplía o imaxinario falando desde a subalternalidade, introduce na poesía galega o problema das mulleres obreiras. Coloca os coidados no centro facendo unha lectura contemporánea da dificultade da conciliación. En definitiva, unha poesía que conmove e non deixa indiferente”, conclúe o xurado.

“O certame está dotado cun premio por importe de 6.000 euros e a publicación do traballo gañador”

O certame está dotado cun premio por importe de 6.000 euros e a publicación do traballo gañador. Na actualidade, e até o día 4 de xuño está aberto o prazo para presentar obras á edición número 37 do certame, á que poden concorrer obras en galego ou portugués escritas por persoas que non gañasen o premio nas 5 edicións anteriores. Teñen que ser textos orixinais e inéditos, cun mínimo de 600 versos e presentarse baixo un lema no Concello de Ourense ou na Cámara Municipal de Vila Real.

O Concello ten aberto tamén até o 4 de xuño o prazo para presentar traballos ao Premio Risco de Creación Literaria, dotado tamén con 6.000 euros máis a publicación da obra gañadora.

O xurado da trixésimo sexta edición do Premio de Poesía “Cidade de Ourense” estivo composto por César Lorenzo Gil, crítico literario; Edelmiro Vázquez Naval, poeta; Charo Lopes, gañadora da edición anterior; a técnica de Normalización lingüística do Concello, Mónica Fernández Valencia, como secretaria con voz e sen voto, e actuando como presidente, o xefe de Sección de Cultura, Manuel Freire Cid.