Loli Castiñeiras (Movemento Salceda) presentou a súa candidatura “con cabeza e moito corazón”

A actual tenente de alcalde traballará para a "segunda transformación" de Salceda

Salceda de Caselas/Movemento Salceda | Cun auditorio ateigado de veciñas e veciños de Salceda de Caselas, que non deixou butacas baleiras nin no patio nin no anfiteatro, Movemento Salceda presentou a súa lista electoral para as eleccións de 28 de maio, na que se incorporan en postos relevantes persoas mozas, moi preparadas “cunha renovación total do 40 %, o 50 % nos dez primeiros postos, cunha media de idade de 41 anos”, según destacou nun dos momentos do acto a candidata a alcaldesa, Loli Castiñeira.

No acto, no que falaron as sete primeiras persoas da lista, o número 2, Alex Rodríguez, advertiu que as únicas dúas posibilidades que existen é que goberne o PP ou Movemento Salceda, e criticou as ideas esgotadas do partido de Feijóo.

A intervención máis longa foi a da candidata a alcaldesa que non dubidou en cualificar a candidatura como “o mellor equipo para Salceda, e o digo con humildade e con respecto para as demais candidaturas, e o mellor equipo porque ofrece presente e ofrece futuro”. Castiñeira engadiu que para ela é un orgullo contar con esas persoas a súa beira, todas “sumamente importantes, dende o número 23 ao número 2”, e destacou que o equipo “representa perfectamente a nosa vila”.

A candidata de MS engadíu que a candidatura ven disposta a traballar “con formación, coñecemento da xestión, e imos porlle un pouco de cabeza á xestión pública pero sobre todo moito, moito corazón, para lograr a segunda transformación de Salceda”.

Ademais Castiñeira aproveitou para falar das primeiras medidas nas que traballar. Un plan de saneamento integral do municipio, conseguindo fondos para poder levalo a cabo, un plan de transporte público municipal ecolóxico, a segunda Galiña Azul, a Casa da Mocidade, ampliación do Pavillón, mellora de instalacións deportivas, mellora da mobilidade e retomar o PXOM de 2016 e convertilo nun documento ambicioso, adaptado á nova lei do chan.

Noutro momento, Castiñeira deulle paso as persoas que formarán parte do seu goberno asignando as áreas de traballo. Así presentou a Carlos Piñeiro, de 25 anos (número 7 na lista) estudante de Ciencias da actividade física e do deporte e adestrador na Escola Denis Suárez, como futuro concelleiro de deportes; a Rosana Martínez, de 28 anos, graduada en administración e dirección de empresas e número 6 na lista, como futura concelleira de asociacionismo; Nato Álvarez, de 70 anos, técnico en telecomunicacións (número 5 da lista) como futuro concelleiro de Saneamento; Marcos Troncoso, de 35 anos, licenciado en ciencias ambientais e número 4 da lista, como futuro concelleiro de Axenda Ecolóxica; Selene González, 29 anos, graduada en socioloxía e tamén en Educación social (número 3 da lista), como futura concelleira de Benestar, Servicios Sociais e Ensino e a Alex Rodríguez, actual concelleiro de Cultura, (número 2 da lista) e que desempeñara esta e outras funcións no futuro goberno.

O acto comezou coa proxección dun vídeo onde participaron as 23 persoas da candidatura que pecha o actual concelleiro de servizos, Miguel González; a exconcelleira de Cultura Tere Pérez e o ex alcalde, Marcos Besada.

A candidata, Loli Castiñeira quixo agradecer a gran asistencia de veciños e veciñas de Salceda “sin políticos e políticas de fora nin extras de outros Concellos”.