Juan Vázquez será o voceiro por Ponteareas no Consello Autonómico de Participación Infantil e Xuvenil

É integrante de 'Mentes Novas' e estudante do CPR La Inmaculada

Ponteareas | Ponteareas volve estar presente no Consello Autonómico de participación infantil e xuvenil de Galicia. Juan Vázquez, estudante do CPR La Inmaculada e integrante do grupo de participación infantil e xuvenil ‘Mentes Novas’, participou este xoves na segunda reunión deste órgano autonómico que busca xerar un novo espazo de intervención para nenos, nenas e mocidade, un lugar de encontro e participación activa no que expresarse, propoñer ideas e tomar decisións.

Este consello autonómico posto en marcha pola Xunta de Galicia está formado por 30 representantes infantís e xuvenís de toda Galicia, que ao longo do ano se reúnen en diferentes ocasións para abordar, tratar e debater todas aquelas temáticas que lles afectan de forma directa, propoñendo ideas e xerando opinións.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, puxo en valor a representación de ‘Mentes Novas’ neste consello autonómico e a importancia de contar cunha infancia e mocidade “comprometida, sensibilizada e que forme parte activa da toma de decisións que afectan directamente á súa realidade e ao seu futuro”.

“A participación da nosa mocidade neste consello é un claro exemplo do seu interese por construír unha sociedade máis equitativa na que se escoiten e valoren as súas voces”, resaltou.