John Rutherford e Manuel Valín incorporánse á Academia Xacobea

Xosé Merelles gabou a traxectoria dos dous novos académicos que aportan coñecemento, experiencia e rigor á institución

Ribadeo | O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou na sesión solemne da Academia Xacobea, celebrada no marco da XXI edición das Xornadas ‘Mar por Medio’, na que se oficializou a entrada na entidade de John Rutherford en calidade de académico de honra e a Manuel Valín Valdés como académico correspondente. Neste sentido, Xosé Merelles salientou que ambas traxectorias achegan coñecemento, experiencia e rigor á institución, precisamente nun momento ás portas dun novo Ano Santo.

Co horizonte do próximo Ano Santo “xa á volta da esquina”, o director de Turismo de Galicia puxo en valor o traballo desta institución, que “contribúe a manter plenamente vixente este acontecemento, a estudar as súas implicacións e a dar difusión aos seus valores”.

Xosé Merelles destacou o perfil de Manuel Valín Valdés, cunha traxectoria profesional e política vinculada á Mariña lucense e, en concreto, ao concello de Ribadeo. No eido xacobeo, o director de Turismo de Galicia lembrou que Valín foi socio fundador da Asociación de Amigos do Camiño Norte na provincia de Lugo en 1989 e tamén participa na difusión do Camiño a través de eventos, artigos e obras de investigación.

Sobre o hispanista británico John Rutherford, académico de honra, o director de Turismo recordou que o seu vínculo con Ribadeo impulsando as xornadas ‘Mar por Medio, que reúnen a galeguistas españois, británicos e doutros países arredor da cultura e da literatura galegas.

Profesor emérito do Queen’s College da Universidade de Oxford, onde exerceu máis de catro décadas como docente de Lingua e Literatura española e iberoamericana, Rutherford é tamén tradutor ao español e ao galego e responsable da edición en inglés de autores como Castelao ou Méndez Ferrín. O Centro de Estudos Galegos de Oxford, que axudou a crear, leva o seu nome.

Merelles defendeu, ademais, o Xacobeo “non só como unha experiencia única”, senón como “un fenómeno global, que debe ser vivido, pero que tamén merece ser investigado e recoñecido”.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.