Intelixencia Artificial, Comunicación e Marketing nas aulas UNED en Ponteareas

O Pleno do Concello aprobou a proposta de formación

Ponteareas | O Pleno do Concello de Ponteareas aprobou este 25 de agosto a proposta para solicitar formalmente á Xunta Reitora do Consorcio Universitario do Centro Asociado da Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) en Pontevedra a creación dunha Aula Universitaria da UNED en Ponteareas. Con este acordo, o Concello dá un paso decisivo para ampliar a oferta educativa do municipio e achegar os estudos universitarios a Ponteareas e ao conxunto da súa comarca, facilitando o acceso á educación superior, evitando desprazamentos e xerando novas oportunidades de formación para mozas e adultos.

Un dos aspectos máis relevantes do proxecto é a posibilidade de contar desde a súa posta en marcha con titorización universitaria vinculada inicialmente a dous ámbitos cunha gran proxección académica e profesional: o Grao en Enxeñería en Intelixencia artificial e o Grao en Comunicación e Marketing. A eles sumaríase o Curso de Acceso á Universidade para Maiores de 25 anos, así como formación permanente, actividades de extensión universitaria e outras iniciativas académicas e culturais.

A alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, destacou que “queremos que estudar unha carreira universitaria desde Ponteareas sexa cada vez máis doado. Poder achegar ao noso municipio titulacións vinculadas a ámbitos como a Intelixencia artificial e a Comunicación e Marketing supón abrir novas oportunidades, especialmente para os nosos mozos, e apostar por sectores que están a transformar o mercado laboral e que serán fundamentais nos próximos anos”.

A futura Aula dependerá do Centro Asociado da UNED en Pontevedra e poderá desenvolver funcións docentes, de orientación, administrativas e de extensión universitaria, achegando ao municipio o modelo de ensino dunha universidade pública con presenza en todo o territorio nacional.

O acordo aprobado polo Pleno recolle así mesmo a vontade expresa do Concello de subscribir o correspondente convenio de colaboración co Consorcio Universitario do Centro Asociado da UNED en Pontevedra e de facilitar un inmoble municipal que reúna as condicións necesarias para albergar a nova Aula. O Concello asumirá tamén os compromisos de mantemento e funcionamento que se establezan no futuro convenio.

Referente de coñecemento
Desde o goberno municipal considérase a implantación da UNED unha actuación estratéxica para reforzar o papel de Ponteareas como cabeceira de comarca e avanzar no seu posicionamento como polo educativo, universitario e de coñecemento no sur da provincia de Pontevedra.

A iniciativa permitirá non só facilitar o acceso a estudos universitarios, senón tamén impulsar a formación permanente, a actualización profesional e a transferencia de coñecemento, contribuíndo a xerar novas oportunidades e a reter e atraer talento.

“Queremos unha Ponteareas na que os nosos mozos atopen cada vez máis oportunidades para estudar, formarse, traballar e desenvolver o seu proxecto de vida. A educación e o coñecemento son fundamentais para construír o municipio do futuro, e contar coa UNED supoñería un salto cualitativo moi importante”, sinalou Nava Castro.

A alcaldesa incidiu ademais en que o proxecto está pensado para toda a cidadanía e para o conxunto da comarca: “A UNED ofrece oportunidades a persoas de todas as idades. A quen comeza os seus estudos universitarios, pero tamén a quen quere retomalos, acceder á Universidade despois dos 25 anos, mellorar a súa cualificación profesional ou continuar formándose ao longo da súa vida”.

A aposta inicial por titulacións relacionadas coa Intelixencia artificial e a Comunicación e Marketing responde tamén á vontade municipal de vincular formación, innovación e novas oportunidades profesionais. A transformación dixital, a intelixencia artificial, a comunicación e as novas contornas profesionais constitúen ámbitos cunha crecente demanda de coñecemento e cualificación.

“Queremos achegar a Universidade a Ponteareas, pero tamén mirar cara ao futuro. Intelixencia artificial e Comunicación e Marketing son dous ámbitos estreitamente vinculados á transformación que están a vivir as empresas, as administracións e a sociedade. Apostar por esta formación é apostar polo talento, a innovación e as oportunidades das próximas xeracións”, engadiu a alcaldesa.

Tras a aprobación plenaria, o acordo será trasladado á Xunta Reitora do Consorcio Universitario do Centro Asociado da UNED en Pontevedra para continuar a tramitación ante os órganos competentes da Universidade para a creación e posterior posta en funcionamento da aula Universitaria de Ponteareas.

O Concello continuará traballando conxuntamente coa UNED nos seguintes pasos necesarios para facer realidade este proxecto e seguir ampliando a oferta educativa e formativa dispoñible no municipio. Con esta iniciativa, Ponteareas avanza no seu obxectivo de consolidarse como cabeceira de comarca tamén en materia educativa e de coñecemento, achegando servizos, formación e novas oportunidades aos seus veciños e veciñas e ao conxunto do territorio.

Deixa unha resposta

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.