Iniciadas a obras de mellora do acceso ao Pazo de Mos

Con fondos propios do Concello por valor de 75.000€

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou de que a finais da semana pasada foi iniciada a obra de mellora do acceso ao Pazo de Mos.

A Comunidade de Montes Salgueirón de Mos cedeu os terreos por 20 anos ao Concello de Mos para poder levar a cabo esta obra da que é director o arquitecto municipal, Manuel Toucedo.

O Concello de Mos inviste 75.000 euros de fondos propios nesta mellora do acceso ao Pazo de Mos, en pleno Camiño Portugués a Santiago de Compostela.

Os traballos que se están a acometer son de acondicionamento dunha porción da parcela da Comunidade de Montes en Man Común Monte Salgueirón de Mos en formación dun novo acceso ao parque de estacionamento de vehículos do Pazo de Mos.

“Preténdese con este proxecto afastar o tráfico rodado dos espazos de lecer que se sitúan á volta do propio Pazo e ao mesmo tempo, resolver o conflito xerado pola situación dos colectores de lixo e reciclaxe na estrada provincial EP-2601, que comprometen a seguridade dos itinerarios peonís así como a imposibilidade de completar e reforzar o servizo de recollida selectiva de residuos urbanos. Así mesmo, trátase tamén de resolver a recollida de augas pluviais mediante canalizacións que permitan a súa compatibilidade con os itinerarios peonís e de vehículos”, explicou Arévalo.

A parcela ámbito de actuación, propiedade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Monte Salgueirón de Mos, e cedida durante 20 anos ao Concello, sitúase no barrio de Rúa, na parroquia de Mos e comprende, unha superficie total de actuación de aproximadamente 625,00 m².

As obras que se están a acometer foron as previas de desbroce e limpeza do área de actuación, así como talado e destoconado de árbores. Seguida de traslado de instalacións aéreas existentes. Desmontaxe de parte do muro de cachotería granítica conforme os detalles en planos. E acopio dos materiais pétreos reutilizables a pe de obra. Para a continuación proceder á construción de novos muros de contención de cachotería de granito.

Escavación de terreos, a cota da estrada provincial, para formación de plataforma horizontal. Estendido e compactado de material granular en formación de bases e sub-bases de pavimentos conforme as cotas previstas para o pavimento. Pavimentación asfáltica. Execución en formigón lixeiramente armado, de lousa maciza no Punto Limpo. E para finalizar, a construción de canles de recollida de augas pluviais.

Deixa unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.