Inaugurada a Feira do Libro de Ponteareas 2022

Estará na Praza Maior do 14 ao 17 de xullo

Ponteareas | Co pregón realizado pola educadora Esmeralda Quiroga deu inicio este 14 de xullo á VI Feira do Libro en Ponteareas, un evento que reúne do 14 ao 17 de xullo na Praza Maior de Ponteareas as últimas novidades editoriais a través dos stands de librerías como Cortizas, Ledo, Milfollas e Terra, e no marco das Feiras do Libro de Galicia 2022.

A pregoeira Esmeralda Quiroga.

Baixo o lema “Movémonos cos Libros”, este evento cultural e literario conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22 e da Deputación de Pontevedra así como o apoio do Concello de Ponteareas e da Federación de Librarías de Galicia. Os amantes da lectura contarán cun 10% de desconto en todos os libros dentro dunha gran variedade temática e de xénero destacando o ensaio, a poesía, a narrativa, a literatura infantil, entre outros.

Tamén se realizarán presentacións e sinaturas de libros de escritores como Kiko da Silva, Julio Fernández, Raquel Castro, Marilar Alexandre, Silvia de Pablo, Manel Monteagudo, Fina Casalderrey, Miguel Sande, Isabel Blanco, Roberto Viana, Carlos Callón, Xavier Queipo, Teresa Ríos, Irene Montero, Alba López Paredes, Daniel Asorey, César Concheiro Guerrico, Sonia Melón, Quinito Mourelle, Francisco Candeira, Charo Pita, Artur Alonso Novelhe, Jessica Rodríguez Piñeiro e Sara Vila Alonso entre outros, así como presentacións poéticas da man de Cristina Fernández.

Tamén estarán presentes os obradoiros infantís e outras actuacións como a de Paco Nogueiras co espectáculo Extra! para o deleite do público.

Analista de xeopolítica e relacións internacionais. Licenciado en Estudos Internacionais (Universidade Central de Venezuela, UCV), magister en Ciencia Política (Universidade Simón Bolívar, USB) e colaborador en think tanks e medios dixitais en España, EE UU e América Latina.