Inauguración das obras na igrexa e claustro do colexio do Cardeal en Monforte

Elevando o investimento en rehabilitación a case 800.000€ nos últimos cinco anos

Monforte de Lemos | A Xunta de Galicia fará unha nova achega no Colexio de Cardeal de Monforte para restaurar o retablo da capela das Reliquias, elevando o investimento en rehabilitación a case 800.000€ nos últimos cinco anos.

Así se anunciou hoxe durante un acto ao que asistiron o vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañados polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e no que se presentaron as obras realizadas na igrexa, claustro e zonas de visita pública deste ben.

O acto de celebración, aberto a toda a cidadanía, contou co concerto de Rosa Cedrón e Emilio Rúa e serviu para inaugurar estes espazos nos que se resolveron as afeccións sufridas a raíz do terremoto de Lisboa de 1755, como as gretas que, aínda que non comprometían á estabilidade das bóvedas, era preciso corrixir.  En concreto, solucionáronse as patoloxías da bóveda, cuberta e muro do presbiterio. Ademais, actuouse nas carpinterías para evitar a entrada de auga e nos elementos mobles da igrexa con tratamentos de desinsectación.

Intervención en diversos ben artísticos
Esta obra súmase á que se está levando a cabo actualmente en diversos bens artísticos e retablos ou á que se adxudicará a finais de ano e cuxo obxectivo é actuar no retablo da capela das Reliquias para reintegrar a policromía do conxunto, fixar a película pictórica, limpar e rehabilitar os elementos artísticos presentes no retablo. O proxecto, que conta cun prazo de execución de nove meses, complétase coa actuación no teito policromado e o control dos niveis de temperatura e humidade.

En total o investimento feito nos últimos cinco anos pola Xunta de Galicia neste ben é de case 800.000€ para, segundo explicaron os representantes autonómicos, poñer en marcha unha ambiciosa folla de ruta que garanta a mellor conservación do inmoble e visibilice un dos monumentos máis senlleiros de Galicia e un dos conxuntos históricos con maior valor da Ribeira Sacra.

Para iso, ademais das actuacións, a Xunta de Galicia tamén impulsou a declaración do inmoble como Ben de Interese Cultural en 2021.