Inauguración da 39 Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia

Celebrarase ata o día 23 de xullo

Ribadavia | O xornalista Luís Álvarez Pousa e o director de escena Eduardo Alonso, recibiron en Ribadavia o Premio de Honra da Mostra Internacional de Teatro. No acto de inauguración celebraronse os espectáculos da arxentina Marina Otero e do multipremiado clown galego Roi Borrallas.

Aconteceu na Alameda, coa asistencia do director xeral do INAEM do Goberno de España, o conselleiro de Cultura e Educación da Xunta de Galicia e diversas personalidades vinculadas á Academia Galega do Teatro e a distintas asociacións teatrais.

Esta MIT da memoria, de celebración e de humor, de exploración e de innovación, destaca a presenza de varios Premios Max, como a poderosa actriz Alessandra García ou a compañía de recente creación Mujer en Obras. Compañías que atesouran o Premio de Novas Voces da Crítica, como Las Huecas ou o Premio Xuventude Crea, como é o caso da galega Vórtice Escénico.

Esta edición conta con espectáculos sorprendentes na súa composición, como é o caso de If, la ligereza, da madrileña Compañía del Sr. Smith, onde o público vota entre unha serie de vidas alternativas dos personaxes, para elixir cal quere ver representada. Un dos espectáculos máis refrescantes do ano e que se estrea en Galicia, como a maioría dos espectáculos do programa, coa oportunidade única de gozar deles en entornos de gran beleza patrimonial.

Román Rodríguez gabou a capacidade “dunha das citas máis importantes da nosa axenda cultural” para “protexer e promocionar o talento escénico de Galicia e fóra dela”. “Desde hoxe, e ata o 23 de xullo, este festival converte a Ribadavia nun dos maiores escaparates para o sector escénico galego, pero tamén para o traballo feito en España, Italia, Arxentina e Portugal”, engadiu.

Durante o acto, no que tamén participou o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o conselleiro lembrou o compromiso da Xunta coa Mostra Internacional de Teatro, coa que colabora a través dun convenio dotado con 60.000 €. Explicou, ademais, que esta iniciativa forma parte das máis de 2.500 actividades culturais que este verán promove a Xunta de Galicia en colaboración con distintos concellos e entidades baixo o lema A cultura galega é un culturON.