II Festival Camiño da Rosa en Mos

A celebrarse este domingo 30 de abril, a partir das 19.00 h

Mos | A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a Directora Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel Toimil, o concelleiro mosense de Mocidade, Leo Costas, e o presidente da Fundación Pazo de Mos, Manuel Castro, presentaron esta mañá no Pazo dos Marqueses de Mos a II Edición do Festival Camiño da Rosa que se celebrará nese mesmo enclave o vindeiro domingo, 30 de abril, a partir das 19.00 horas da tarde.

Tras a exitosa pimeira edición que congregou a milleiros de mozos e mozas chegados de toda a provincia, este segundo Camiño da Rosa ofrece un cartel do máis atractivo para a rapazada. Encabezado por Rojuu, Groove Amigos e Traffic House, contará tamén coas actuación de Marc Montalvo, Samu Pexe, Juliann James & MZRIN, Fergwell e Raper & Trisha.

Rojuu, de 20 anos de idade, acumula millóns de escoitas da súa música subida na súa conta de internet. Xa ten publicado o seu sexto álbum. É un dos principais representantes do trap experimental e emo-trap a nivel hispanofalante.

Detrás de Groove Amigos está o DJ André Vázquez que presume de pinchar sesións para todos aqueles aos que lles guste a “zapatilla”. Traffic House, é un grupo de productores e DJs de música electrónica dance-house formado por Sete Sousa e Trillo. A entrada ao festival será totalmente libre e de balde.