Xa me gustaría non ter que escribir sobre os medios de comunicación a non ser que fora para felicitalos pola súa independencia informativa, polo seu rigor á hora de tratar os temas candentes desta nosa sociedade tan infectada de bulos e mentiras a través de todo tipo de medios. Pero creo que aínda vai tardar un tempo en que as miñas preferencias sexan realidade.
Son tantos os frontes abertos que non sei ben por onde comezar. Se polos acordos políticos destes días, se polos bulos referidos aos emigrantes, se polo escurantismo dos medios públicos galegos, etc. etc. Pero como di o titular hoxe vai de medios, logo entremos a matar, que diría un toureiro daqueles tempos idos.
Días pasados chegounos a información dun acordo do Consello de Ministros español (en Galicia aínda non temos ministros pero a todo se chegará) que por fin fala de analizar e corrixir os despropósitos dos medios de comunicación que temos no Estado Español. Isto non é nada novo. A comisión europea correspondente marcou unhas pautas que entrarán en vigor o vindeiro ano 2025.
“O acordo fala dunha maior transparencia e control na política e nos medios de comunicación, así como unha defensa da liberdade de expresión”
O acordo fala dunha maior transparencia e control na política e nos medios de comunicación, así como unha defensa da liberdade de expresión modificando o que faga falta, así como o relativo ás ofensas aos sentimentos relixiosos e de inxurias á Coroa, aínda sen citar este termo (parece que aos socialistas lle tremen as pernas cando se trata de falar dos privilexios da Coroa); tamén aos altos cargos institucionais do Estado.
O texto acordado fai mención da sentencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos que afearon a España por perseguir artistas por atacar á Coroa.
Unha cuestión que nós vimos denunciando nos últimos anos refírese aos propietarios dos medios. Lembren que sempre utilizo unha expresión latina: “pro domo sua”, é dicir “para os seus donos”. Aquí neste acordo de goberno trátase de coñecer exactamente quen son os donos dos medios.
Eu teño prometido ofrecerlles a vostedes amables lectores unha información, ata onde eu puiden conseguila, de quen manda nos medios deste país. Xa se coñecen na súa maior parte; quizá o que non se saiba ben, polo seu escurantismo e opacidade é quen está detrás de tantos portais que utilizando os medios dixitais nos teñen mergullados nun mundo de informes falsos dos que resulta moi difícil escapar.
“Outro asunto consecuencia do anterior é como son favorecidos certos medios e por quen”
Outro asunto consecuencia do anterior é como son favorecidos certos medios e por quen. Aquí poderemos explicarnos o por que de certo tipo de información que se sabe falsa pero que aparece ao noso dispor con grandes titulares como se fora certo. Tamén sobre isto trata o acordo citado. Cada medio terá que demostrar a veracidade desa información cando, sobre todo, atenta contra a honorabilidade dos cidadáns, sexan políticos ou non.
Sabemos que existen emisoras de radio, portais de internet e medios de comunicación que se sustentan non se sabe ben como. Iso é o que queremos e debemos coñecer.
O feito mis sorprendente do que fomos testemuñas estes días é da furia con que a oposición política (lease PP, VOX sobre todo) responderon a este comunicado gobernativo no Parlamento días pasados. Non deixaron nada no tinteiro. Segundo Feijoó e Abascal (tanto monta, monta tanto) o Goberno pretende amordazar e controlar aos medios de comunicación para que non falen mal del. Ata chegaron a comparalo con Franco; curiosamente opcións políticas que aínda non foron quen de manifestar a súa repulsa política ao goberno franquista. Si pero non; sempre o fan coa boca pequena.
Agora, polo visto, o presidente Pedro Sánchez vai amordazar aos medios para que non falen mal del o mesmo que facía Franco. Evidentemente isto ninguén o cre porque os tempos son outros e os organismos de control dependen do voto de cada cidadán en cada elección. Pero non se trata de que o creamos, trátase de ir contra calquera opción de goberno que non estea controlada pola oposición.
“A futura lei que saia deste decreto recente obrigará a toda as administracións públicas a facer unha declaración de canto diñeiro dedicaron aos medios de información”
A futura lei que saia deste decreto recente obrigará a toda as administracións públicas a facer unha declaración de canto diñeiro dedicaron aos medios de información, cales foron eses medios e os motivos deses desembolso e canto diñeiro recibiron en función de que. Isto terá unha importancia fundamental en Galicia. Chegaremos a coñecer como se reparten os cartos da Xunta nos distintos medios. Xa o sabemos pero agora será unha información pública que non se poderá agochar.
A partires deste Decreto lei iremos coñecendo como evolucionarán todas estas cuestións ata agora asolagadas polos poderes públicos afectados: Gobernos Autonómicos, Concellos, institucións do Estado, etc.
Parece que por fin se abre unha fiestra que nos vai traer un chisco de aire máis limpo. Falta fai, dende logo. Como sempre os meus desexos de que o pasen ben; teñan fe no futuro e loiten porque non nos poidan meter gato por lebre.