Horacio Gil, alcalde de Arbo, participa nas marchas de “San Xoán de Melgaço”

O alcalde, Horacio Gil, apadriñou neste evento á Casa da Misericordia de Melgaço que como temática tiñan o nome de “Os nosos Irmáns de Arbo”

Arbo | As marchas de San Xoán, evento tradicional do país veciño Portugal, contou cunha homenaxe da Santa Casa dá Misericórdia de Melgaço ao Concello de Arbo, “aos nosos irmáns de Arbo”. Un acto coa mesma finalidade que tiñan e teñen as festas en honra á “Virxe do Libramento” en Arbo, que contribúen a manter vivas as tradicións.
A Santa Casa dá Misericórdia de Melgaço é unha das máis prestixiosas institucións de solidariedade deste pobo portugués. Para esta homenaxe á súa veciña localidade de Arbo, convidaron o alcalde, Horacio Gil, para apadriñar este evento que como afirmou o rexedor no seu discurso: “fomentan a participación nas distintas actividades organizadas entre Melgaço e Arbo e estreitando lazos, vínculos entre veciños e veciñas dun lado e outro do Miño”. O alcalde convidou tamén aos seus veciños portugueses a participar nas próximas Festas do Libramento e a gozar destas danzas tradicionais para compartir todos xuntos as festas.

Gil estivo acompañado durante este desfile polo presidente da Casa dá Misericordia. Durante esta homenaxe, os nenos ían vestidos con traxes galegos e outros co traxe típico do baile da “ Virxe do Libramento”- todos brancos, pantalón, camisa e chaleco, con bandas de cor e gorros de andurista con moitos espelliños, con reloxos e cadeas nos homes e adornos de ouro nas mulleres. Os traxes tradicionais foron elaborados por unha modista portuguesa, especialista no liño branco, veciña de Melgaço.

O acto durou media hora aproximadamente, no que o alcalde estivo presente, acompañando aos nenos no desfile e mentres cantaban dúas cancións escritas para homenaxear a Arbo. Estas tradicións compartíanas de sempre os amigos portugueses que antes de existir a ponte xa cruzaban o río en barca para compartir e gozar das festas e en particular da danza de “Nosa Señora do Libramento”.