Homenaxe póstuma a Arcadio López Casanova no Carballiño

Entregaronse os premios Insua dos Poetas 2023

O Carballiño | Arcadio López Casanova, escritor, profesor, poeta e ensaísta falecido o pasado ano, foi homenaxeado con motivo da celebración da XV Festa da Palabra, no espazo de natureza e cultura da Insua dos Poetas (A Esgueva, O Carballiño).

No encontro, organizado pola Fundación Insua dos Poetas co apoio da Deputación e a Xunta de Galicia, o deputado provincial César Fernández destacou “o carácter diferenciador e enriquecedor da nosa lingua”, ao tempo que puxo en valor a achega que fai á nosa identidade, “recoñecida e respeitada a nível universal”.

O deputado significou a importancia da Festa da Palabra no panorama cultural galego, “celebración na que homenaxeamos a persoeiros claves da nosa cultura, como é o caso de Arcadio López-Casanova, figura fundamental da poesía renovadora dos anos 60”. Presentouse o libro “Antoloxía esencial. Poesía galega (1965-2019) de Arcadio López Casanova”, unha edición realizada polo presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar.

Neste acto entregaronse os premios Insua dos Poetas 2023, que recibiron unha peza escultórica do artista ourensán Acisclo Manzano. Os sete galardoados foron: no apartado de Creación Artística, o fotógrafo Xulio Gil; en Literatura, a escritora Concha Blanco; na Defensa do Medio, a Fundación Eira; en Cultura Galega e Emigración, a familia Fragoso-Pegito de Bos Aires; en Acción social, a Federación Down Galicia; en Iniciativa Cultural, a Festa da Istoria de Ribadavia; e como colectivo destacado do Carballiño, o CD Arenteiro.